
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, advirte ás portas do Nadal que “o consumo de alcohol é incompatible coa condución”, pois é a segunda causa concorrente máis frecuente nos sinistros de tráfico nas vías de circulación. Fíxoo durante a presentación da tradicional campaña de vixilancia e control de alcohol e drogas que comeza hoxe e se prolongará ata o 21 de decembro. Estivo acompañado do xefe do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense, Javier Barja, e do xefe provincial da Dirección Xeral de Tráfico, David Llorente.
Durante a supervisión do inicio da campaña, na estrada OU-101, Eladio Santos concretou que no que vai de ano as substancias estiveron presentes no 36% dos sinistros mortais na provincia, en 5 dos 14 ocorridos (11 en estradas estatais e 3 urbanos). “O alcohol segue a ser a sustancia máis detectada nos condutores falecidos, polo que nestas datas nas que nos xuntamos con familia e amigos hai que dicir claramente que coller o coche despois de beber pode significar non volver a ter máis festas”, subliñou.
O subdelegado detallou que as sancións administrativas por conducir con presencia de alcohol e de drogas foron más de 1.800 na provincia de Ourense no que vai de 2025, que motivaron a perda de máis de 9.400 puntos. Ademais, engadiu que entre a Garda Civil e as Policías Locais formuláronse máis de 300 atestados por delito de alcoholemia positiva (taxa penal). “Dous de cada tres delitos cometidos contra a seguridade viaria en España están relacionados co alcohol”, expresou.

Campaña de alcohol e drogas
Santos explicou que esta tradicional campaña realízase en toda España, non só en estradas interurbanas, senón tamén nas vías urbanas dos Concellos con Policía Local que se sumaron á iniciativa. Na provincia de Ourense participan cinco Policías Locais, as de Ourense, O Barco de Valdeorras, Xinzo de Limia, Maceda e A Pobra de Trives. “Este tipo de campañas de vixilancia son esenciais e axudan a manter a seguridade nas estradas, pois non hai que baixar a garda nin dentro das vilas nin fóra”, indicou.
Con independencia das sancións, o subdelegado apuntou que en España xa existe a taxa 0 de alcohol para condutores menores de idade (titulares de permisos AM de ciclomotor e A1 de moto de ata 125cc) desde marzo do 2022. Ademais, lembrou que se tramita nestes momentos a inclusión dunha taxa en aire xeral para todos os condutores de 0,1 mg/l en aire exhalado, o que equivale a non tolerar o consumo de alcohol ao volante. Finalmente, sinalou que no que ten que ver coas drogas se castiga a mera presencia delas no condutor.