Á beira do río Sil, xunto a pasarela que une o Paseo do Malecón do Barco co Salgueiral (Viloira), comezaba ás 16:30h. da tarde deste 3 de outubro a primeira das andainas das “Rutas Saudables”, unha iniciativa promovida pola Asociación Española contra o Cancro en Valdeorras e que coordina unha das súas voluntarias, Sonia, co respaldo da psicóloga da entidade, Jacqueline.
Unha decena de persoas sumábanse a este primeiro percorrido, dunha hora de duración e de baixa dificultade e accesible para todo o mundo, que discorría entre O Barco e Viloira. Esta ruta manterase nos vindeiros meses cada xoves ás 16:30h. e para participar tan só é necesario anotarse na oficina da AECC no Hospital Público de Valdeorras ou ben chamando ao 900 100 036 (teléfono de Infocancer).

O obxectivo da iniciativa é fomentar os hábitos saudables entre a veciñanza, xa que prevén moitas enfermidades, entre elas, o cancro.
Fotos: A.R.