CulturaCulturaÚltima hora

Comezan os traballos arqueolóxicos no Castelo de Vilar de Barrio

O proxecto, promovido polo Concello, conta cunha subvención da Axencia de Turismo de Galicia que permitirá seguir avanzando na posta en valor da maior fortalexs da Limia, un monumental xacemento arqueolóxico de 16 hectáreas

Manuel Conde, alcalde de Vilar de Barrio, supervisa o inicio dos traballos arqueolóxicos.

 

Nesta semana comezaban os traballos asociados á subvención de 30.000 euros que o Concello de Vilar de Barrio conseguiu por parte da Axencia de Turismo da Xunta de Galicia destinada a continuar coa posta en valor do xacemento arqueolóxico de O Castelo de San Xoán de Bara. Esta axuda “supón un importante respaldo ao traballo que o consistorio vén desenvolvendo nos últimos anos para preservar e divulgar este enclave único, con máis de 16 hectáreas de extensión e vestixios que abarcan desde a Idade do Bronce ata a Idade Media, pasando pola Romanización”, indican dende o Concello.

Grazas a esta nova achega, “poderase continuar coas tarefas de recuperación do sector coñecido como Burato dous Mouros, un espazo cunha grande carga simbólica para a comunidade local e clave na interpretación histórica do xacemento”, indican dende o Concello de Vilar de Barrio, explicando que esta actuación súmase a outras xa realizadas en anualidades anteriores, como “a musealización de varias zonas mediante paneis ilustrativos de alta calidade realizados polo artista Miguel Robledo, así como a creación dun roteiro de sendeirismo de baixa intensidade, sinalizado e especialmente deseñado para o goce de familias”.

O obxectivo do Concello de Vilar de Barrio é seguir avanzando na investigación arqueolóxica e na habilitación do xacemento como un espazo cultural e turístico de referencia, aberto tanto á cidadanía como aos visitantes. “Esta estratexia non só permite conservar un patrimonio excepcional, senón que tamén contribúe a dinamizar a economía local mediante un modelo sostible de desenvolvemento rural ligado ao coñecemento e a posta en valor do territorio”, aseguran.

Back to top button