O Servizo de Nefroloxía despediu onte a María José Remigio Lorenzo, que se xubila aos 65 anos tras unha traxectoria de 42 anos dedicada integramente a este servizo, no que se converteu nun referente profesional e humano.
Natural do Carballiño, María José formouse como enfermeira na Escola de Enfermaría da Residencia Sanitaria entre 1977 e 1980. Posteriormente, completou a súa formación na especialidade de Psiquiatría na Universidad Complutense de Madrid, etapa na que compatibilizaba coa práctica asistencial en varios centros da capital española.
Despois dun período de prácticas no Hospital psiquiátrico de Toén e varias substitucións noutros servizos decidiu dar un cambio a súa vocación enfermeira tras un breve paso por diálise de la Residencia Sanitaria en 1982. A súa vinculación coa nefroloxía foi definitiva xa que en 1984 obtivo praza en propiedade nese Servizo, desenvolvendo desde entón toda a súa carreira profesional na segunda planta do Hospital Cristal. Dos seus 42 anos de traxectoria, 40 estiveron dedicados á unidade de diálise pasando os dous últimos á unidade de diálise domiciliaria.

María José desenvolveu case a toda a súa carreira baixo a xefatura do doutor Alfonso Otero González, referente nacional da especialidade, co que compartiu décadas de traballo ata a súa xubilación, formando parte dunha etapa clave no desenvolvemento da nefroloxía en Ourense.
Ao longo destas máis de catro décadas, foi testemuña e protagonista da evolución da nefroloxía, desde unha etapa inicial con técnicas de hemodiálise máis limitadas ata a actualidade, marcada pola innovación e pola implantación de modelos como a diálise domiciliaria buscando sempre unha maior calidade de vida e unha maior seguridade para os pacientes sometidos aos tratamentos. A súa capacidade de adaptación e o seu compromiso co coidado dos pacientes foron constantes durante toda a súa vida profesional.
Ademais da súa labor asistencial, destacou polo seu papel fundamental na formación de novas xeracións de enfermeiras, sendo unha figura de referencia na diálise tanto no hospital como en Galicia. A súa vocación docente, o seu coñecemento e a súa constante actualización fixeron dela unha profesional moi respectada.
A actual xefa do servizo, a doutora Cristina Pérez Melón, destacou que “María José é un referente para todas as enfermeiras novas e unha peza clave na formación en nefroloxía. O seu compromiso, a súa experiencia e a súa maneira de coidar aos pacientes deixan unha pegada que perdurará no servizo”.
No día de onte, compañeiros e compañeiras do Servizo de Nefroloxía, profesionais doutros servizos e numerosos pacientes quixeron recoñecer a súa traxectoria. Á súa saída da unidade de diálise, dedicáronlle un emotivo corredor de despedida como mostra do agarimo e respecto que sementou ao longo dos anos.
Con esta xubilación péchase unha etapa marcada pola constancia, a empatía e a excelencia profesional, deixando unha fonda pegada no servizo, nos seus compañeiros e en todos os pacientes aos que acompañou durante máis de corenta anos.
