
De forma conxunta, o Colexio Oficial da Enxeñaría Técnica Forestal de Galicia (COETFG), o Colexio de Enxeñeiros de Montes en Galicia, a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, a Universidade de Santiago de Compostela (EPSE), a Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, a Universidade de Vigo e a Asociación Profesional de Enxeñería Forestal da Xunta de Galicia (APENFOGA) veñen de emitir un comunicado para amosar o seu posicionamento “ante a situación de grave crise derivada da incidencia recorrente dos lumes no territorio galego”.
No seu texto estes colectivos asinantes “relacionados coa enxeñaría forestal entendemos que como sociedade galega no seu conxunto temos que afrontar cambios significativos que permitan unha valorización sostible do noso territorio para que sexa resilente ante o cambio climático e os problemas del derivados. Os efectos devastadores dos lumes destas últimas semanas son unha mensaxe máis (e xa non van poucas), que o medio no que vivimos nos está a enviar para que afrontemos, canto antes, cambios que van dende a concepción que temos do territorio até a nosa propia forma de interaccionar con el”.
Indican así mesmo que “non nos cabe dúbida de que se trata dunha cuestión de ordenación do territorio en senso amplo, pero tamén é unha cuestión social, de pensamento sosegado de cara onde nos diriximos como sociedade, tanto no ámbito público como no privado. Os episodios dramáticos vividos non son unha anomalía, son un cúmulo de singularidades asociadas da forma máis cruenta, algunhas das cales non poderemos mudar nin a curto nin a medio prazo, pero outras van depender da nosa capacidade de reacción e anticipación, cuestións que urxe definir”.
E con este comunicado buscan iniciar “ese debate ao que convidamos a outros colectivos que teñan vontade de cambio e sintan a necesidade e a capacidade de aportar, e, xuntos, poidamos xerar un foro de intercambio de coñecementos co obxectivo de dispoñer, a medio prazo, dun documento técnico que analice todas as variables que interveñen e defina as posibles estratexias para afrontar unha realidade á que debemos adaptarnos ou simplemente agardar a ter que padecela. Sen outro ánimo que o de servir á sociedade galega, transferindo o coñecemento técnico que atesouramos e debatendo abertamente sobre o mesmo, botamos a andar”.