
Ante o devastador incendio que afecta á comarca, a Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) vén de emitir un comunicado incidindo en que está situación está “a ser especialmente dura para veciños, familias e empresas de Valdeorras. Desde AEVA queremos trasladar a nosa solidariedade e apoio a todas as persoas afectadas”.
Tamén se indica no comunicado que, “se algunha empresa ou autónomo asociado necesita apoio, información ou axuda, non dubidedes en poñervos en contacto connosco. Faremos todo o posible por atender as vosas necesidades e canalizar a axuda da forma máis eficaz”.
Así mesmo, AEVA quere “expresar o noso máis sincero agradecemento á veciñanza, voluntarios e voluntarias e a todas as persoas que colaboraron e seguen loitando para frear os incendios e protexer a nosa terra”. Tamén informa a asociación de que “nos puxemos en contacto coa nosa empresa asociada Gadisa, e púxose ao dispor da comarca no caso de que xurdan necesidades urxentes. Se algunha empresa ou autónomo requíreo, rogámosvos que nolo transmitades a través da asociación para poder canalizar a axuda”.