A esta hora, a propagación do lume no termo municipal de Manzaneda “parece estar baixo certo control”, indican nun comunicado dende o Concello de Manzaneda, asegurnando que non deben baixar a garda. “O risco continúa a ser elevado, xa que as altas temperaturas e as posibles rachas de vento poden reactivar focos quentes en calquera momento”.
“Queremos reiterar o noso agradecemento profundo ao Distrito Forestal XIII, que nestes días está a facer un traballo incansable. Do mesmo xeito, recoñecemos a entrega dos bombeiros forestais, brigadistas, Protección Civil, UME, Garda Civil e, sobre todo, da veciñanza que loitou con valentía para que o lume non alcanzase os núcleos habitados nin as instalacións gandeiras”.
Mención especial fan tamén “á xente que se achegou desde os concellos limítrofes, así como a mocidade que demostrou unha vez máis que, a pesar de sermos poucos e cunha poboación envellecida, a xuventude está comprometida coa defensa e urxencia do noso territorio. Por eles, e por deixar un futuro mellor -ou cando menos igual ao que herdamos-, debemos actuar con responsabilidade. Cando este risco inmediato pase, será hora de poñer enriba da mesa solucións reais á problemática da xestión forestal e da gandería extensiva nas zonas de montaña cada vez máis despoboadas”. Mentres tanto, “só podemos dicir: grazas, mil grazas a todas e todos. Unidos/as conseguiremos frear esta praga de incendios que estamos a vivir. Moito ánimo para tod@s”.