
Celso Emilio coa súa familia e amigos pouco antes de regresar de Venezuela (1973) Luís, en primeiro plano, con barba./ Imaxe cedida pola Fundación Curros Enríquez.
Antonio Puga Rodríguez, na súa condición de alcalde de Celanova e, en consecuencia, presidente da Fundación Curros Enríquez, no nome da corporación municipal e do padroado da fundación cultural que preside, desexa manifestar o seu profundo pesar polo falecemento de Luís Ferreiro Loredo, fillo do poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro e celanovés de corazón, aínda que debido á actividade profesional de seu pai no seu momento non nacera na vila á que tanto cantou o poeta e que formaba parte, sen dúbida, do seu universo emocional.
Promotor, xunto cos seus irmáns e a súa nai, da Fundación Celso Emilio Ferreiro na que centrou unha boa parte da súa vida a promover e divulgar tanto a obra publicada coma aqueloutra inédita do autor de “Onde o mundo se chama Celanova”, nos últimos anos tivo un interese especial en incrementar a presenza da memoria do poeta nesta a súa vila natal, levando a cabo diversas e singulares iniciativas editoriais que teñen axudado a configurar publicamente o seu perfil poético, social e político fundamentalmente da posguerra.
É de salientar que Luís Ferreiro representou á familia do poeta durante anos na Fundación Curros Enríquez e a súa foi a voz autorizada, tamén en representación da familia, para todo canto tiña que ver con ese traballo de difusión da obra literaria e do pensamento de seu pai en toda Galicia, en canto non cedeu a presidencia da Fundación Celso Emilio ó seu irmán Xavier.
Tanto dende o Concello de Celanova como dende a Fundación Curros Enríquez reafirmamos o compromiso por manter a íntima colaboración que viñamos mantendo ata o de agora coa Fundación Celso Emilio Ferreiro, así como coa memoria do propio poeta, reforzando esa presenza do poeta na súa vida natal –tal como era desexo de Luís Ferreiro- para que, como “reza” no túmulo familiar do camposanto de San Breixo de Celanova, “o lume que alampea xamais o vexamos morto”.
Celanova a 26 de decembro de 2025
Antonio Puga Rodríguez
Alcalde de Celanova
Presidente da Fundación Curros Enríquez