ConcellosO BarcoÚltima hora

Comunicado dos veciños da Barxa (O Barco), tras a intensa treboada de onte

Imaxes cedidas.

 

Despois da intensa treboada con pedra que sufría na tarde do 16 de xullo O Barco, a veciñanza da zona da Barxa emitía un comunicado para expresar o seu malestar pola “grave situación provocada polas obras da ponte da circunvalación”, que, segundo afirman, “alteraron a drenaxe natural das augas pluviais”.

Como consecuencia, din os veciños “gran parte da auga de choiva vértese cara á estrada provincial que comunica con Éntoma, converténdoa nunha auténtica cuneta e canalizando a auga directamente cara ás vivendas. Esta situación provocou inundacións en varias casas, causando importantes danos materiais e poñendo en risco a seguridade dos residentes”.

Os veciños aseguran que “xa trasladaron as súas queixas á empresa responsable das obras, sen que ata o momento se teñan adoptado solucións eficaces para evitar que o problema volva repetirse”. E tamén falan de “falta de resposta” da Deputación de Ourense, “ao considerar que a estrada pola que discorre a auga é de titularidade provincial e que a administración competente debe garantir a súa correcta drenaxe e o mantemento da vía, evitando que as escorrentías acaben alagando as vivendas”. E din que pensan presentar unha denuncia.

Os afectados piden unha “actuación urxente e coordinada entre todas as administracións implicadas para corrixir o problema de forma definitiva e evitar novos episodios de inundacións”.

Back to top button