
Convocados polos sindicatos O’MEGA e SIMEGA un grupo de médicos e facultativos do Hospital Público Valdeorras, concentrábanse na mañá deste venres 3 de outubro, “por un Estatuto propio e recuperación da calidade asistencial”. Os sindicatos médicos de Galicia apelaban á participación dos seus compañeiros, “ante a acumulación de demandas históricas que non recibiron a atención necesaria por parte das administracións competentes”.
Con esta xornada de folga pretenden “visibilizar os múltiples problemas aos que enfrontamos no exercicio da súa profesión, tales como a sobrecarga laboral, condicións indignas de traballo, e unha crecente desvalorización do persoal médico e sanitario en xeral”.
O’MEGA e SIMEGA pedían o respaldo e participación porque “esta loita é de todos, e están convencidos de que só unidos poderán esixir con forza e lexitimidade os cambios que necesitan e merecen”. Engaden que “o silencio ou a indiferenza só prolongan a inxustiza e a deterioración do noso sistema de saúde, e saben que sen unhas condicións adecuadas non poden exercer a súa profesión con excelencia nin garantir o benestar dos seus pacientes”.
