SanidadeÚltima hora

Concentración de pais e nais no Centro de Saúde do Barco para pedir unha “resposta clara sobre o presente e o futuro de atención pediátrica” no municipio

Este colectivo remitía onte por correo electrónico ao xerente da área sanitaria ourensá unha carta sobre este tema

 

Con follas de reclamacións nas mans, un numeroso grupo de pais e mais concentrábase ás nove e media desta mañá diante do Centro de Saúde do Barco para manifestar o seu malestar pola situación da atención pediátrica neste municipio. “Hai un único pediatra para atender a uns 2.000 nenos e isto non pode ser, entón dende aquí pedimos á xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco que solucione a situación, que poñan os medios oportunos. Sabemos que é verdade que había un pediatra que se ía incorporar, pero agora dinnos que é moi complicado que se incorpore. A finais deste ano probablemente o pediatra que temos xubilarase e o futuro é moi negativo, entón pedimos axuda a quen corresponda”, comentaba como voceira deste colectivo Sandra Méndez Real.

Previamente a esta concentración, en concreto o mércores 20 de marzo, remitíaselle dende este colectivo por correo electrónico unha carta ao xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, expoñéndolle a situación da Pediatría no Barco de Valdeorras.

Este colectivo apunta que hai “uns anos a situación era ben distinta no Barco. Contabamos con tres pediatras que ofrecían atención de mañá e tarde, algo moi importante tendo en conta que en moitos casos os pais traballamos de mañá e cabía a posibilidade de non perder o día para levar aos nenos ao médico. De tres pasamos a un e pode que pronto pasemos a ningún”.

Neste senso, a carta conclúe sinalando que “os pais e nais do Barco pedísmolle unha resposta clara de cal é o presente e cal vai ser o futuro da atención pediátrica para os nosos fillos e fillas. Entendemos que non faltará intención de solucionar este problema pero pedimos que se axilicen os procesos necesarios para a cobertura dalgunha das dúas prazas vacantes antes de que algún paciente sufra as consecuencias dunha atención sanitaria precaria”.

Artigos relacionados

Back to top button