SanidadeÚltima horaVídeos

Concentración en Manzaneda para pedir un médico a xornada completa para o seu Centro de Saúde

 

Ás 11h. deste venres 22 de marzo a veciñanza de Manzaneda reuníase diante do seu Centro de Saúde para pedir un médico titular para o mesmo. “Hai uns anos, cando a médica titular collía días de vacacións os usuarios deste centro quedabamos con atención soamente media xornada. Este problema voltouse crónico, cando no mes de novembro do ano pasado a médica que tiñamos colleu praza noutro centro de saúde e quedou sen cubrir a nosa praza”, tal e como se plasmaba nun manifesto lido no acto polo alcalde de Manzaneda, Amable Fernández.

Así mesmo o rexedor explicaba que “ás prazas do rural, como a nosa, que xa son malas de cubrir de por si, engadéselle o inconvinte de que a persoa que veña para onde nós sempre terá a dúbida de que en calquera momento a dona da praza podería vir e quitarlla. E se somos quen de cambiar a lei para dar prazas por méritos sen ter que acudir a unha oposición, como se está a facer ultimamente, tamén se debe cambiar para que quen rexeite desprazarse a cubrir a praza que lle tocou perda dita praza. Tamén se nos di que temos poucos médicos, e os poucos que hai que non queren vir para as prazas do rural. Se ese problema existe non é cousa dos usuarios e usuarias darlle solución, senón de quen ten poder para facelo e ademais entra nas súas competencias”.

 

 

Por outra banda o texto do manifesto explicaba que a media de idade da poboación de Manzaneda é moi alta, das 870 persos que viven no municipio, preto de 200 teñen 75 ou máis anos. “Son persoas ás que lles custa achegarse ao seu centro médico imaxinádevos cando veñen despois de media mañá e se teñen que desprazar para ser atendidos por algunha urxencia ata Trives ou San Xoán de Río, segundo sexa o destino do médico que estivo aquí ata as 11”.

Tamén se sinalaba no manifesto os problemas “coa dispensación de medicamentos cando se marchou o doutor ou doutora, xa que non queda a quen consultar por se hai dúbidas nalgún medicamento ou non teñen o receitado e se podería dispensar algún similar” e que en casos de urxencia, entre as 11h. e as 8h. da mañá seguinte hai que desprazarse a un hospital de referencia, o de Valdeorras ou o de Ourense.

Neste senso, a veciñanza pide “un médico a xornada completa para o Centro de Saúde de Manzaneda, xa que con iso tamén se deixaría de quitarlle horas de médico aos veciños de Trives e Río”.

Fotos e vídeo cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button