
Entre as 39 localidades galegas que esta tarde acollían actos de apoio a Palestina, baixo o lema “Galiza coa marcha a Gaza”, estaba O Barco. A praza do Concello convertíase en escenario dunha nova concentración, convocada pola Coordinadora Galega de Solidariedade coa Palestina”, no decurso da cal se lía un manifesto.
Tamén se celebraban concentracións deste tipo noutros puntos da provincia de Ourense: Allariz, O Carballiño, Ourense, Ribadavia, Verín e Viana do Bolo. “Mesmo que sexa a milleiros de quilómetros, con estas mobilizacións, desde a Galiza participamos tamén da acción global que é a Marcha a Gaza: a marcha a pé por territorio exipcio até o paso de Rafah”, dicía o manifesto.

É precisamente neste punto onde Irsael “mantén retidos desde hai meses millares de camións cargados con axuda humanitaria. Participamos, por tanto,do intento de milleiros de persoas de máis de 50 países, entre eles da Galiza, para rachar o bloqueo a esa axuda humanitaria”.
O manifesto, no que se lembraba a terrible situación que vive o pobo Palestino, concluía incidindo en que “esta mobilización de hoxe ten como obxectivo chamar a atención sobre o bloqueo da axuda humanitaria en Rafah, as últimas accións agresivas de Israel non nos poden pasar inadvertidas”.
Fotos cedidas.
