Cun minuto de silencio en memoria das vítimas da violencia de xénero iniciábase neste mediodía na praza do Concello do Barco o acto central da programación do Día Mundial contra a Violencia de Xénero no municipio.
Numerosas persoas concentrábanse ás 12h. neste céntrico lugar da vila como xesto en contra da violencia de xénero con lectura de manifestos por parte de representantes dos IES Lauro Olmo e Martaguisela e do Colexio Divina Pastora; actuación musical de alumnos do Conservatorio do Barco; e a lectura do manifesto institucional do Concello.
“Cada 25 de novembro o mundo conmemora o Día Internacional da eliminación da Violencia contra as mulleres, e cada 25 de novembro, o Concello do Barco únese ao compromiso de millóns de mulleres e homes implicados pola xustiza e a igualdade e que un día como hoxe alzan a voz contra a violencia machista. Un ano máis os grupos políticos con representación no Concello do Barco queren amosar o seu firme compromiso de non deixar de traballar ata erradicar a violencia machista e facer que a nosa sociedade sexa segura e digna para as mulleres. Somos conscientes de que o camiño cara a igualdade e cara a unha sociedade libre de toda violencia aínda é longo, e iso fai o noso traballo máis urxente e o noso compromiso máis determinado.”, dicía o manifesto lido, que estaba asinado polos voceiros dos tres partidos políticos con representación na Corporación barquense (PSOE, PP e BNG).
O manifesto tamén ratificaba o “compromiso firme do Concello do Barco de Valdeorras contra a violencia machista, e en defensa dos dereitos das mulleres, así como a erradicación de calquera tipo de violencia contra as mulleres e a combater calquera discurso negacionista e posicionamento político que negue a violencia machista ou rexeite as políticas públicas enfocadas á súa total erradicación. Para todos os poderes públicos e para toda a sociedade debe ser unha prioridade mellorar a resposta que ofrecemos para garantir a seguridade, a liberdade e a vida das mulleres vítimas da violencia machista e dos seus fillos e fillas. Non é posible unha sociedade democrática sen a liberdade e a igualdade das mulleres”.

O programa incluía tamén estes días obras de teatro, a proxección do filme “Solo para mí” o día 27 no Teatro Lauro Olmo e a iluminación de violeta da Casa Consistorial e do multiusos, con faroliños, en lembranza das vítimas.
Fotos e vídeo: O SIL.
