Xornada de mobilización no Barco “contra a precariedade e a desigualdade” neste 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega. Ás sete e media da tarde a praza do Concello da vila acollía unha concentración convocada pola CIG para “reivindicar traballo digno”.
Neste día lémbrase as mobilizacións de 1972 na antiga Bazán, nas que perdían a vida dous traballadores: Amador Rey e Daniel Niebla. “A necesidade da mobilización é o camiño necesario para dar resposta a unha crúa realidade marcada polo empobrecemento xeneralizado. A crecente carestía da vida diminúe o poder adquisitivo dos salarios e das pensións públicas, mentres o acceso a unha cesta da compra e a unha vivenda está convertindo o día a día nunha misión imposíbel e de resultado incerto”, segundo a CIG, cuxos representantes estaban acompañados nesta concentración do Barco por membros do sindicato vasco ELA, así como por traballadores de Iberdrola, xunto ás súas familias, e membros do seu comité de empresa. Portaban pancartas con reivindicacións como “IPC real para todo o persoal”.

Ademais reivindicaban “un convenio colectivo xusto, unha subida salarial digna, a recuperación do poder adquisitivo, recuperar postos de traballo na nosa terra, para protexer a nosa economía local, para combater a precariedade e a desigualdade”.
Fotos: O SIL.