
Galicia leva consolidando durante os últimos anos a súa posición como destino de referencia para a música en directo grazas aos Concertos do Xacobeo, impulsados pola Xunta de Galicia, unha ampla rede de festivais e ciclos musicais por todo o territorio. Cunha media anual de máis de 1,5 millóns de asistentes, máis de 185 eventos e presenza en máis de 75 localidades, a iniciativa converte a música nun elemento de promoción turística e dinamización económica.
O modelo dos Concertos do Xacobeo afástase da concentración da oferta en poucos e grandes festivais para construír un calendario distribuído ao longo de todo o ano. Esta fórmula achega a música ata múltiples municipios e amplía o perfil dos visitantes.
Despois das grandes citas celebradas durante o primeiro semestre de 2026, a programación prevista entre agosto e decembro permitirá manter unha intensa actividade musical en todo o territorio. A oferta inclúe propostas dirixidas a públicos diversos e unha ampla variedade de estilos, con presenza de artistas internacionais, nacionais e galegos, ao tempo que contribúe a prolongar o atractivo turístico de Galicia máis aló dos meses de maior afluencia, o que favorece a desestacionalización do turismo.
As primeiras semanas de agosto xa ofreceron unha mostra desta diversidade dos Concertos do Xacobeo con citas como o Noia Harp Fest, o SonRías Baixas, en Bueu, o Galicia Clarinet Fest, en Lalín, ou a 39ª edición do Festival Noroeste Estrella Galicia, na Coruña, que levou a música tamén a espazos ao aire libre.
Entre as citas previstas para a segunda metade do mes figuran o Río Verbena Fest, en Pontevedra; Revenidas, en Vilaxoán de Arousa; Recorda Fest, na Coruña; Caudal Fest, en Lugo; e WOS Festival, en Santiago de Compostela. Ademais, a actividade inclúe novas propostas de ciclos de concertos xa consolidados como Costa Feira, en Sanxenxo; Orballo Cultural, con programación en distintas localidades; e os do Náutico de San Vicente, no Grove.
O calendario de outono dará continuidade a esta actividade con iniciativas como Maré, en Santiago de Compostela, que aposta polo encontro entre músicas de diferentes culturas; Underfest Xacobeo, en Vigo, orientado ás novas tendencias internacionais; e Coruña Sounds, que prolonga a oferta de grandes concertos nacionais e internacionais na cidade. Entre os ciclos destacados para este período encóntrase Son & Mar en Vigo e A Coruña, ademais da continuación de Pulsaciones Sonoras con eventos por toda Galicia.
A programación prevista ata final de ano contará, ademais, con concertos de artistas como Echo & The Bunnymen, Bomba Estéreo, Dorian, Dani Fernández, Viva Suecia, Arde Bogotá, Carolina Durante, Love of Lesbian, Sen Senra, Baiuca, Judeline, Rusowsky, Luz Casal e Hoodoo Gurus. A súa presenza permitirá manter unha oferta que transita polo pop, o rock, o indie, a electrónica, a música urbana, o folk, a clásica e os sons de raíz.
Os Concertos do Xacobeo tamén inciden directamente no tecido económico galego. A celebración destes eventos repercute positivamente na hostalaría, nos aloxamentos, no transporte, no comercio local e nas empresas vinculadas a súa produción. Ao distribuír os concertos por distintos municipios, o programa contribúe a espallar este impacto.
A elección de escenarios naturais e patrimoniais engade, ademais, un valor diferencial á experiencia, pois facilita que os asistentes coñezan a historia, a paisaxe e a oferta gastronómica das localidades nas que se desenvolven os eventos e favorece estadías máis amplas. Neste sentido, a súa continuidade ao longo do ano permite reducir a dependencia da tempada estival e favorecer un fluxo máis estable de visitantes.