
Neste domingo concluía o operativo de rescate das xovencas que o pasado mércores se precipitaron por un barranco nunha zona de difícil acceso nas beiras do río Miño, na parroquia de San Xián de Ínsua, no concello de Taboada (Ribeira Sacra); unha actuación que concluíu con éxito esta tarde.
O delegado da Xunta na provincia de Lugo, Javier Arias, seguiu o operativo e estivo xa o xoves (cando se produciu o suceso) no terreo cun gruista para avaliar a posibilidade de retirar os animais cunha grúa e, paralelamente, iniciáronse as xestións para solicitar o desprazamento dun helicóptero do servizo de emerxencias de Asturias, preparado para soportar o peso das reses.
A aeronave chegou á zona este venres -no marco do convenio de colaboración que hai asinado entre a Xunta de Galicia e o Principado de Asturias en materia de emerxencias- e a súa participación resultou decisiva, ao permitir rescatar os dez animais que permanecían na ladeira -un deles, sen vida-.
Ademais de coordinar a participación do helicóptero, o Goberno galego colaborou tamén no operativo con efectivos da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) -que despregaron tamén un dron para guiar os traballos-, a Policía Autonómica e persoal do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais e dos servizos veterinarios da Consellería do Medio Rural. Xunto a eles participaron tamén efectivos do Concello de Taboada, Protección Civil, Garda Civil e numerosos veciños da zona.
O delegado destacou a “excelente coordinación” entre todos os servizos implicados e a colaboración da veciñanza, que permitiron resolver con éxito unha intervención especialmente complexa.
