SanidadeÚltima hora

Conclúe o proxecto europeo Life Resystal sobre loita contra o cambio climático, con diversas accións na área sanitaria ourensá

Incorporouse enerxía solar fotovoltaica aos tres hospitais públicos da provincia, cunha xeración superior aos 243.000 quilovatios hora e evitando a emisión estimada de 60 toneladas de CO2, entre outras iniciativas

 

O acto de peche do proxecto europeo Life Resystal sobre loita contra o cambio climático tiña lugar esta mañá de 13 de abril na sala Cabaleiro Goas do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. Neste acto o xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), José Ramón Parada, que estaba acompañado polo xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba. Parada aludía á importancia de incorporar criterios climáticos ás políticas sanitarias do Goberno galego, como eixe estratéxico imprescindible para seguir garantindo a protección da saúde da poboación hoxe e no futuro.

Así, apuntaba José Ramón Parada que se debe “avanzar cara a un sistema sanitario integral, sostible e circular, no que a saúde non se aborde de xeito illado, senón integrada cos determinantes sociais, a contorna e as políticas públicas”. Para o xerente, o sector sanitario debe asumir un papel clave como eixe vertebrador e impulsor desta transformación, liderando un cambio baseado na sostibilidade, aliñado cos grandes marcos internacionais como a Axenda 2030 ou as iniciativas europeas de descarbonización.

Este cambio non será posible, continuaba, “sen o elemento máis importante do sistema que son os seus profesionais que, coa súa práctica diaria, poden actuar como verdadeiros prescriptores do cambio incorporando criterios de sostibilidade na toma de decisións clínicas e organizativas”.

 

 

 

Nes senso, José Ramón Parada poñía en valor a Estratexia de Economía Circular do Sergas, folla de ruta para transformar o modelo sanitario cara un sistema sostible e circular, con obxectivos medibles e horizonte temporal definido, avanzando ata unha sanidade neutra en carbono.

O xerente detallou que o que fai relevante a estratexia do Sergas é que integra a sostibilidade na xestión, na asistencia sanitaria e na cultura organizativa. Trátase, dixo, dunha transformación estrutural do sistema sanitario.

Respecto do proxecto Life Resystal, no que o sistema sanitario galego é o único de España participante e un dos dous únicos servizos de saúde da Unión Europea, dixo que é un dos marcos máis avanzados nos que se está a posicionar o Sergas en materia de adaptación climática do sistema sanitario.

Tamén detallou que o piloto desta iniciativa levouse a cabo sobre os tres hospitais da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, funcionando como un laboratorio real de adaptación climática hospitalaria, sendo un marco metodolóxico exportable a todo o sistema sanitario.

 

 

Iniciativas na área sanitaria de Ourense

Desde a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras participouse neste proxecto “coa convicción de que o sistema sanitario ten que formar parte activa da solución: non só porque atende as consecuencias do cambio climático sobre a saúde, senón tamén porque debe revisar o seu propio impacto ambiental  e avanzar cara a un modelo máis sostible, máis eficiente e máis resiliente”, segundo o Sergas.

Life Resystal serviu para ordenar, medir, compartir e reforzar unha liña de traballo que xa viña desenvolvendo esta área sanitaria, pero que agora gaña un marco máis sólido, máis colaborativo e máis transformador.

Esa aposta tradúcese en actuacións moi diversas. Por exemplo, na incorporación de enerxía solar fotovoltaica nos tres hospitais públicos da área, cunha xeración superior aos 243.000 quilovatios hora, e cun aforro estimado de 60 toneladas de CO2 evitadas.

Tamén se traduce na revisión de procesos asistenciais e farmacéuticos, para reducir emisións vinculadas a inhaladores presurizados e a gases anestésicos, ámbitos nos que tamén hai marxe real de mellora e nos que xa se están acadando resultados.

 

 

Igualmente tradúcese en solucións visibles, próximas e comprensibles para a cidadanía. Un bo exemplo, indica o Sergas, é o novo paseo verde do Hospital Universitario de Ourense, promovido no marco de Life Resystal, pensado para reducir temperatura ambiental, mitigar o efecto illa de calor e mellorar o confort nun espazo de acceso ao hospital. Trátase dunha intervención sinxela na súa formulación, pero moi significativa no seu enfoque: adaptar os centros da área a un contexto climático cambiante e facelo con medidas que, ademais, humanizan os espazos.

Esa visión esténdese ao conxunto da área. En Valdeorras, coa execución dun tellado verde vinculado á renovación de cubertas. En Verín, co desenvolvemento de sistemas de recollida de augas pluviais e de aproveitamento de augas grises.

Son actuacións distintas, adaptadas á realidade de cada centro, pero cunha idea común: construír infraestruturas sanitarias máis eficientes, máis responsables e mellor preparadas para o futuro.

 

Back to top button