En portadaÚltima hora

Conclúen as Xornadas de Historia da Asociación Española de Neuropsiquiatría en Ourense

O encontro, organizado polo Servizo de Psiquiatría da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras e a Sección de Historia da asociación, pecha cun éxito de participación, con 108 inscritos de toda España

 

As XIV Xornadas de Historia da Asociación Española de Neuropsiquiatría rematan neste 24 de outubro no Centro Cultural Marcos Valcárcel cun éxito de participación, con 108 inscritos de toda España, tras tres días de encontro organizados polo Servizo de Psiquiatría da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras e a Sección de Historia da asociación para abordar a relación entre arte e saúde mental, o valor dos arquivos documentais e a experiencia asistencial do Sanatorio de Toén.

Coñecer esta historia permite aprender das experiencias asistenciais e revisar os erros do pasado para evitar repetilos. Baixo o lema «Saberes especializados e saberes por experiencia. Perspectiva histórica en saúde mental», o encontro incorporou a voz dos pacientes e a súa creación artística para comprender como influíron as normas sociais, as desigualdades e os cambios culturais na atención psiquiátrica, conectando a historia da medicina coa historia local e universal.

A arte e a voz de quen vive a enfermidade

A relación entre arte e saúde mental ocupou dúas mesas, cunha participación ourensá centrada na experiencia de ArtEspida. Nela interviñeron os psiquiatras de Piñor Chus Gómez, Antón Casáis e Alcira Cibeira, a psicóloga clínica María Carballo e os directores do espazo, Andrés Díaz e Ana Rodríguez, cunha achega sobre a creación artística como forma de expresión e vía para coñecer a experiencia das persoas atendidas.

Os psiquiatras Óscar Martínez Azumendi e Luis Pacheco abordaron a presenza de autores e artistas nas chamadas «revistas dos tolos», incluíndo textos de Leopoldo María Panero inéditos nas súas antoloxías. Integrante dos Novísimos e asociado á figura literaria do «poeta maldito», Panero desenvolveu unha obra marcada pola transgresión e pola súa experiencia en institucións psiquiátricas, á que deu visibilidade a través da literatura e da súa presenza no documental El desencanto.

Estas sesións contaron tamén coa participación de Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, que presentou a experiencia «De Entolearte á vida tras os labirintos mentais», ampliando o diálogo entre cultura, inclusión e saúde mental.

 

 

Os arquivos como memoria asistencial e social

Miguel López Sánchez, do Arquivo de Galicia, presentou a experiencia de difusión do fondo documental do Hospital Psiquiátrico de Conxo, transferido polo Sergas en 2012. As historias clínicas, os expedientes de ingreso e a correspondencia das persoas internadas permiten estudar a atención sanitaria e recuperar aspectos da súa vida e da sociedade da época.

O valor destes materiais quedou reflectido en iniciativas como Voces esquecidas. As mulleres do Hospital de Conxo, exposición de 2023 que amosou a influencia dos roles de xénero na consideración de determinadas condutas como enfermidade. En 2024, Mentes no labirinto: saúde mental, cultura e inclusión ampliou esta mirada con documentación de Conxo, Toén e Piñor e con obras artísticas dos pacientes.

Toén na historia da transformación psiquiátrica

A memoria asistencial de Ourense tivo un espazo propio coa revisión da experiencia da psiquiatría de sector no Sanatorio Psiquiátrico de Toén entre 1972 e 1980, presentada por Alexandre García Caballero e David Simón. Este modelo organiza a atención dunha poboación nun territorio definido, procurando a continuidade dos coidados e a conexión coa comunidade.

A sesión permitiu situar a experiencia ourensá no contexto dos cambios na asistencia psiquiátrica e recuperar unha parte da historia local que axuda a comprender os debates sobre a relación entre hospital, pacientes e comunidade.

 

María Tajes, David Simón e Ignacio Gómez Reino, xefa de servizo e psiquiatras da Área Sanitaria de Ourense

 

Da historia da psiquiatría á reforma asistencial

Rafael Huertas, médico e profesor de investigación do Instituto de Historia do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), en Madrid, abriu o encontro cun balance da historiografía psiquiátrica no século XXI. Especializado na historia da psiquiatría e nas relacións entre saúde e sociedade, tamén moderou a mesa dedicada aos arquivos.

A conferencia de clausura correu a cargo de Manuel Desviat, baixo o título «Das loitas psiquiátricas á reforma da saúde mental en España». Psiquiatra e referente da reforma psiquiátrica española, foi presidente da Asociación Española de Neuropsiquiatría entre 1993 e 1997 e impulsou a transformación do antigo hospital psiquiátrico de Leganés nunha rede de servizos de saúde mental, cunha traxectoria centrada na atención comunitaria e na saúde mental colectiva. A clausura contou tamén coa presenza de Ana Conseglieri, presidenta da Asociación Española de Neuropsiquiatría.

 

Back to top button