Mostra de gando vacún, concurso morfolóxico nacional, exhibición de arrastre de pedra e degustación de carne. Son os ingredientes cos que un ano máis se celebraba, na xornada do martes 26 de agosto, a Gran Feira Tradicional de Gando Autóctono Alistana-Sanabresa, con gran afluencia de público, da zona e tamén de comarcas limítrofes como Valdeorras ou Viana do Bolo (había xente dos concellos da Veiga, de Viana, da Mezquita, do Barco,…) na localidade zamorana de Porto.








Coma sempre a feira abría as portas arredor das 11 horas por parte do alcalde de Porto Francisco Blanco e as autoridades presentes. A partir de aí sucedíanse as actividades da mostra como unha interesante exhibición de arrastre de pedra a cargo de dúas parellas de Alistana-Sanabresa, seguida por numeroso público ou o XXII Concurso Morfolóxico Nacional organizado por A.E.C.A.S. coa posterior entrega de galardóns aos mellores sementais, reprodutoras, novelas, novelos, tenreiras/os, bois, mellor exemplar, mellor lote e mellor gandería Memoria Justo Puente.
O gandeiro local José Antonio Bruña Bruña, levaba o primeiro premio aos mellores bois. El mesmo loaba a concorrencia de gando á feira, “colaboramos moito todo e penso que a cousa vai saíndo ben porque a xente o que quere ver é gando”, asegura, recoñecendo que son catro os gandeiros que hai actualmente en Porto. “O que máis hai é vacún pero tamén hai varios con cabalos”.
O Concello de Porto pola súa banda tiña tamén un detalle co pastor máis lonxevo que fixo a transhumancia, Paulino Justo Dapena a quen recoñecía o seu labor cunha placa.







A feira incluía coma sempre degustación de carne, nesta ocasión en forma de hamburguesa e un sinfín de postos no mercadiño instalado polas rúas da localidade entre as que non falta a do polbo e todo tipo de apeiros, ademais de varios para xantar. Tamén se sortearon dous costelares.












Fotos e vídeos: Carlos G. Herevella.