SanidadeÚltima hora

Concurso escolar para loitar contra o idadismo e os estereotipos que discriminan aos maiores, na provincia

Con esta iniciativa a sanidade e a educación pública ourensás adiántanse ao aplicar as recomendacións da OMS de actuar ante este problema con medidas de tipo interxeneracional

 

Un concurso escolar promovido polo Observatorio contra a Discriminación do Maior da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, en colaboración coa xefatura territorial de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia en Ourense, contribuirá a desbotar entre o alumnado de educación primaria prexuizos e estereotipos sobre as persoas maiores, que afectan ao seu benestar e limitan os seus dereitos.

A presentación desta iniciativa tivo lugar esta mañá entre o alumnado e equipo docente do CEIP Plurilingüe Irmáns Villar de Ourense, coa presenza do delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, a directora de enfermería da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Beatriz Cabanelas, o xefe territorial de Educación, Jose Fisteos, e Miriam Vázquez, enfermeira da Unidade de Calidade e responsable do Observatorio contra a Discriminación do Maior, iniciativa posta en marcha tras resultar gañadora da primeira edición dos premios de humanización da Área Sanitaria, en 2021.

O idadismo refírese a discriminación implícita en prexuzgar e estereotipar a unha persoa en función da súa idade e contribúe a percepción negativa da idade avanzada, invisibilizando socialmente as persoas maiores, minusvalorando a súa autodeterminación, formación, capacidades e dereitos.

Unha de cada dúas persoas ten actitudes idadistas, segundo un informe das Nacións Unidas, que alerta sobre como esta discriminación, por razón de idade, pode empobrecer a súa saúde física e mental, ademais de reducir a súa calidade de vida. Nesta liña, a Organización Mundial da Saúde (OMS) no seu recente informe mundial sobre idadismo, insta aos paises e institucións a actuar e tomar medidas moi especialmente de tipo interxeneracional.

Con esta iniciativa a sanidade e a educación pública de Ourense adiántanse ao aplicar as recomendacións da OMS de actuar ante este problema, e introducen no debate escolar unha problemática aínda descoñecida por moitos, aproveitando o vinculo entre os netos e netas e os seus avós ou avoas.

Un concurso para introducir o debate

O valor dos avós e avoas dentro da estrutura é indiscutible. Non sí o seu papel non está suficientemente recoñecido, e as veces a valor integral da persoa pérdese no estereotipo. Por iso a iniciativa proposta polo Observatorio da Área Sanitaria aproveita a habitual unión interxeneracional para propoñer o concurso: “Os meus avós, mestres de vida”.

Baixo esta sinxela proposta de recoñecer e valorar o papel dos avós dentro das familias e na sociedade en xeral, por medio dun exercicio de debuxo e selección dun lema, as súas promotoras pretenden abrir un dialogo nas clases e na rúa, focalizando o interese dos nenos e nenas nos maiores da casa, para tratar de miralos con outros ollos, máis libre de prexuízos e dun xeito integral como persoas, mais ala da faceta familiar e da súa idade.

 

 

Bases do Concurso

O concurso está destinado a todo o alumnado de educación primaria da provincia de Ourense. Para elo distribuiranse fichas en todas as aulas para que os e as participantes realicen un debuxo, con técnica libre, e un slogan coa temática: ¿Que fai ou sabe facer o teu avó ou avoa mellor que ninguén? ¿Como é para ti o teu avó/túa avoa? ¿Que é o que máis che gusta do teu avó/túa avoa? ¿Que e o que che gustaría poder facer co teu avó/túa avoa? Ou calquera pregunta/resposta relacionada.

Os participantes entregarán os seus traballos no seu centro educativo, para unha vez finalizado o prazo de entrega, o 28 de abril, facelos chegar a Xefatura Territorial de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades de Ourense, onde os membros do “Observatorio Contra a Discriminación do Maior” da Área Sanitaria de Ourense os recollerán. Os mellores debuxos cos seus slogans serán expostos recibindo un premio por cada ciclo.

 

 

Cabalo de Troia contra o idadismo

A partir dos 4 anos, aproximadamente, os nenos e nenas interiorizan os estereotipos culturais relativos á idade, os cales dan forma aos seus sentimentos e a súa conduta cara a persoas de idades diferentes. Estes estereotipos tamén inflúen na forma en que se comportan e no que pensan de si mesmos, como membros dun grupo etario determinado.

A aula é unha contorna idónea para cuestionar os estereotipos culturais predominantes cara ás persoas novas e as persoas maiores. Establecer unha conversación sobre o idadismo con nenos e nenas pode contribuír a cambiar a forma de falar e os discursos sobre a idade, a cuestionar as actitudes idadistas e, en última instancia, a reducir o idadismo tanto nas aulas como fóra delas.

Por iso co gallo do concurso o obxectivo do Observatorio e introducir o tema nas aulas, falando dos esteotipos ligados a idade, tanto dos mozos e mozas como dos maiores, traballando coas emocións e os preconceptos sobre o envellecemento e a súa propia idade, contando coa complicidade do profesorado para abordar a temática adaptada aos distintos cursos.

Fotos e vídeo cedidos.

Artigos relacionados

Back to top button