CulturaCulturaÚltima hora

Conferencia de Luis Congil sobre o devir do viño en Valdeorras, na XIII Semana de Historia do IEV

O xornalista e escritor afirmaba que “o viño é a ferramenta máis importante que ten a comarca para potenciar a súa imaxe de marca”

 

Continúa a XIII Semana da Historia de Valdeorras na Casa Grande de Viloira (O Barco). Nesta tarde de 26 de novembro tiña lugar a conferencia do xornalista e historiador Luis Congil, na que abordaba da vinculación histórica de Galicia e o viño. Era presentado pola vicesecretaria da institución cultural, Sherezade Núñez, quen comentaba que este xornalista leva “máis de dúas décadas adicadas á xestión cultural, á creación museística e a interpretación patrimonial”.

Deseguido, Congil comezaba o seu relatorio, titulado “A marabillosa historia do viño en Valdeorras: unha oportunidade de futuro”, na que aseguraba que o viño é “a ferramenta máis importante que ten a comarca para potenciar a súa imaxe de marca”. Referíase á súa identidade vitícola e á de toda a comunidade galega, e facía un percorrido moi completo polo protagonismo do viño no devir histórico da zona. Ao longo de preto de sesenta imaxes ilustrativas de libros que falan da orixe e evolución do cultivo da vide, chegaba Congil ao proxecto Revival que recuperou a uva godello para a comarca e para o mundo.

Adicou tamén unhas agarimosas palabras ao Instituto anfitrión, valorando o seu esforzo por “divulgar a historia do viño e a identidade do territorio, porque iso hoxe é algo que non se fai”, afirmou.

 

 

Mesa redonda

Congil completaba con esta sesión o ciclo de conferencias XIII Semana da Historia de Valdeorras, que inclúe unha derradeira cita: unha mesa redonda que leva por título “O potencial do enoturismo en Valdeorras”, que terá lugar o 28 de novembro ás 20:00 horas.

Nela está prevista a participación do director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; do director xeral do grupo Méndez-Rojo, con adegas nas cinco denominacións de orixe, Juan Luis Méndez; o propietario de Adega Algueira e restaurante O Castelo; Fernando González; o xerente de Bodegas Ladairo, Víctor Manuel López; e o xerente da adega Cova da Xabreira e do restaurante do mesmo nome en Seadur (Larouco), Simón Val.

Ao remate, os asistentes participarán nun debate durante o cal poderán degustar viños da D.O. Valdeorras, acompañados de petiscos tradicionais.

 

Back to top button