ConcellosO BoloÚltima hora

Confinados os núcleos de Lentellais, Santa Cruz e O Bolo por mor do incendio que segue activo neste municipio valdeorrés

Segundo as últimas estimacións da Consellería do Medio Rural, este lume que comezaba onte ás 23:47 horas afecta unha superficie de 200 hectáreas

Fume do incendio no Bolo./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

As medidas de protección á cidadanía activadas nos concellos do Bolo e Pantón pola proximidade de senllos incendios forestais materializáronse mediante o confinamento nuns casos e a evacuación noutros, segundo informan dende o 112 Galicia.

No Bolo procedeuse ao “confinamento dos núcleos de Lentellais, Santa Cruz e O Bolo e estableceuse o corte de tráfico na OU-533, entre os quilómetros 33 e 38”, sendo necesario “reactivar as medidas de protección á cidadanía despois de que contra as tres desta tarde fose desactivada a Situación 2”.

Segundo as últimas estimacións da Consellería do Medio Rural, este incendio que permanece activo desde onte ás 23:47 horas, afecta unha superficie de 200 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse 3 técnicos, 16 axentes, 25 brigadas, 15 motobombas, 2 unidades técnicas de apoio, 3 pas, 6 helicópteros e 11 avións. Neste lume solicitouse a mobilización de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

No caso de Pantón, concretamente nos núcleos de Cibrisqueiros, Frontón e Budián “foron evacuadas un total de 47 persoas, isto é, 6 en Cibrisqueiros, 20 en Frontón e 21 en Budián”.

Back to top button