
O Concello de San Xoán de Río continúa avanzando nos traballos de caracterización arqueolóxica do castro de Mouruás, unha intervención destinada a coñecer con maior precisión a configuración, cronoloxía e estado de conservación do xacemento como paso previo á súa musealización e posta en valor como recurso turístico e patrimonial.
A actuación está promovida polo Concello de San Xoán de Río e financiada pola Axencia Turismo de Galicia, ao abeiro da liña de subvencións destinada á mellora das infraestruturas turísticas nos concellos de menos de 10.000 habitantes.
Os primeiros resultados están permitindo confirmar o potencial arqueolóxico do enclave. Ademais da recuperación de materiais de época galaicorromana, os traballos permitiron identificar diferentes estruturas arqueolóxicas no interior do recinto, achegando novas evidencias sobre a organización e ocupación histórica do castro.
Con todo, a intervención tamén está revelando un importante grao de alteración do xacemento, polo que a conservación das estruturas resulta desigual nos diferentes sectores investigados.
Segundo explica Manuel Cabo, arqueólogo director dos traballos de campo, «todos os indicios apuntaban a un xacemento espectacular, cunha ocupación desde a Idade do Bronce e, como mínimo, ata a romanización. Os traballos están permitindo localizar estruturas no interior do recinto, aínda que tamén comprobamos un altísimo nivel de alteración do sitio».

O arqueólogo sinala como principais causas desta transformación tanto os traballos agrícolas desenvolvidos durante séculos como, especialmente, a actividade da gran canteira existente no interior do recinto. «Foi precisamente nesta canteira onde se recuperou a famosa espada de Mouruás. Deunos ese magnífico obxecto, pero todo indica que tamén afectou profundamente a unha parte moi importante do xacemento intramuros», explica Cabo.
A aparición destas primeiras estruturas abre agora novas posibilidades para interpretar a configuración do asentamento e orientar as seguintes fases da investigación. Os traballos centraranse tamén no exterior do recinto, onde o equipo arqueolóxico confía en localizar estruturas e contextos cun mellor estado de conservación que permitan completar a lectura do conxunto e confirmar a importancia histórica do sitio.
Os resultados desta intervención servirán como base para definir futuras actuacións de conservación, musealización, interpretación e valorización turística do castro de Mouruás, co obxectivo de incorporar progresivamente este enclave á oferta cultural e patrimonial de San Xoán de Río.
