
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presidiu este venres a constitución do Centro de Coordinación Operativa Integrada (CECOPI), con motivo da declaración de Fase de Preemerxencia do Plan Invernal de Estradas da provincia de Ourense.
O CECOPI, con sede na Subdelegación do Goberno en Ourense, está integrado tamén por representantes da Xunta de Galicia, da Deputación de Ourense, da Garda Civil e do seu Subsector de Tráfico, da Policía Nacional, da Dirección Xeral de Tráfico e da Demarcación de Estradas. A xefa da Unidade de Protección Civil da Subdelegación do Goberno en Ourense, Mari Carmen Lodos, asiste ao subdelegado do Goberno na dirección do CECOPI.
Segundo o protocolo, a Fase de Preemerxencia declárase cando a intensidade da nevarada faga prever dificultades para a circulación ou a neve ou xeo na calzada dificulte efectivamente a circulación nalgún tramo da Rede de Estradas do Estado. A DGT estableceu restricións de tráfico de vehículos pesados na A-52, AG-53, N-120, N-525 e N-541.