
Co verán recentemente chegado, SilFest preséntase un ano máis como o plan perfecto para dar o pistoletazo de saída á tempada festivalera. Do xoves 2 ao sábado 4 de xullo, O Barco de Valdeorras volverá converterse nun punto de encontro para quen busca moito máis que unha sucesión de concertos: música en directo, natureza, gastronomía, actividades culturais para todos e un ritmo pausado que converte cada edición nunha experiencia diferente.
A inauguración chegará o xoves cunha noite de acceso gratuíto protagonizada polr La Gloria e a festa posterior de Txetxu DJ. O venres será a quenda dunha intensa xornada de indie e novos sons con Mazu, Zabriskie, Begut, La Paloma e Bum Motion Club como protagonistas. O sábado reunirá algunhas das actuacións máis esperadas do cartel, con Adrian Timms no concerto Vibra Mahou de mediodía, Os Parrandas enchendo de tradición e humor o recinto e, xa pola noite, Sr. Jingles, Hinds, Morgan, L.A., Puño Dragón e DJ90 sobre o Escenario Xacobeo.

Pero o SilFest segue distinguíndose por todo o que ocorre entre concerto e concerto. Paseos en kaiak polo río Sil, catas de viños do D.O. Valdeorras, talleres, gastronomía local e espazos para descansar forman parte dun festival pensado para desfrutarse con calma. A iso súmase o MiniSilFest, cunha programación específica para o público infantil que inclúe concertos de Henriko e Paco Nogueiras, talleres, xogos tradicionais, cine ao aire libre e actividades participativas, convertendo o festival nun destino para grupos de amigos, parellas e familias de todas as idades.
No seu décimo aniversario, o SilFest reafirma “unha personalidade propia dentro do circuíto nacional: un festival pensado para desfrutar da música a outro ritmo e sempre en comunidade, cun formato coidado, sen aglomeracións e profundamente conectado coa súa contorna, un dos máis especiais de Galicia”.
Coa programación xa distribuída por días e entradas e abonos dispoñibles, a conta atrás para inaugurar a tempada de festivais xa comezou.

