
A edición deste ano do Sorteo de Ouro de Cruz Vermella mantén o seu concepto “O que facemos polas persoas vale ouro” pero amplía o seu alcance con máis premios e uns boletos máis próximos, protagonizados por persoas voluntarias da Organización.
Trátase dunha iniciativa solidaria con máis de 47 anos de historia que permite á cidadanía, por tan só 6€, formar parte dun movemento humanitario que transforma vidas. A súa recadación impulsa a capacidade de Cruz Roja de actuar ante as grandes emerxencias, pero tamén nas situacións cotiás do día a día que poden afectar a persoas da nosa contorna máis próxima.
No marco desta campaña, Cruz Vermella impulsa ademais distintas actividades solidarias abertas á cidadanía, co obxectivo de fomentar a participación e achegar o seu labor social ao conxunto da sociedade, dúas no Barco de Valdeorras.
O 4 de xuño disputábase un partido solidario de fútbol entre o CD Barco e o CD Córgomo Vilamartín, no campo municipal de Calabagueiros; e o vindeiro mércores día 17 terá lugar o contacontos solidario “Violeta”, da man de Cris Petín, mestra contadora de historias. Cruz Vermella Valdeorras organiza esta actividade dirixida ao público infantil no exterior da sede (Casa do Río Cigüeño) de 18:30 a 20 horas. A entrada consiste na adquisición un boleto do Sorteo de Ouro (6 euros).

Máis de 7 millóns de euros en premios
O Sorteo de Ouro repartirá 23.400 premios que superarán os 7 millóns de euros. Polos 6 € que custa un boleto, poden tocar 3 millóns de euros do primeiro premio; 1 millón de euros do segundo premio; 500.000 euros do terceiro premio; 250.000 euros de cada un dos tres cuartos premios; e 100.000 euros de cada un dos tres quintos premios.
Tamén terán premio todos os números iguais aos anteriores con diferente serie e as 4 últimas cifras de todos os premios. E como novidade, este ano tamén obterán premio de 12€ os boletos cuxas tres últimas cifras coincidan co primeiro premio.
