Na praza do Concello do Barco retomábanse nesta tarde ás 20h. as concentracións de apoio ao pobo palestino que se interrompían coa chegada do verán. Estaba convocada, unha vez máis pola Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina en máis de trinta localidades galegas.
“Xa o dixemos moitas veces: nós, solidarias e solidarios a millares de quilómetros de distancia non podemos impedir que Israel execute día a día o seu plano para ocupar a Palestina. Pero si podemos mobilizarnos e exixir a quen nos goberna que se implique de verdade en deter o sionismo e os seus crimes”, dicía o manifesta da citada coordinadora, ao que lle poñía voz Iris Gey.

Mobilizacións que se iniciaban xa hai 2 anos e que se manterán, con novas concentación e tamén unha gran manifestación en Galicia o 4 de outubro, tal e como tamén se anunciaba neste acto. Ademais o manifesto criticaba a actuación policial durante a Volta Ciclista a España en Monforte de Lemos e no Corgo.
“A falta de accións dos gobernos, a solidariedade popular continuaremos a mobilización popular e solidaria. Até o fin do xenocidio. Até que Palestina poida exercer efectivamente o seu dereito de autodeterminación e poida vivir en paz, no seu propio estado libre e independente”, concluía o manifesto.