En portadaÚltima hora

Controlado o incendio de Vilaseco (O Bolo), mentres segue activo o de Pantón e en Situación 2

Incendio forestal de Vilaseco (O Bolo)./ Cedida.

 

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais en Galicia con datos recollidos ata as 20.00 horas de hoxe, sábado 20 de setembro. A principal novidade arestora é que se deu por controlado o incendio do Bolo, parroquia de Vilaseco.

Así, ás 19.20 horas quedaba controlado o incendio forestal do concello do Bolo, parroquia de Vilaseco, no que se desactivou a Situación 2 decretada de forma preventiva pola súa proximidade ao núcleo de Santa Cruz, medida que se tivo que reactivar na tarde de onte tras empeorar as condicións meteorolóxicas.

Este lume, que se rexistrou o xoves ás 23.47 horas, afecta segundo as últimas estimacións unha superficie de 250 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse 3 técnicos, 23 axentes, 39 brigadas, 26 motobombas, 3 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 6 helicópteros e 11 avións. Neste incendio mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo o de Panton-Pombeiro

En cambio, segue activo o incendio de Pantón-Pombeiro, iniciado ás 14.16 horas do pasado xoves, no que se mantén activa a Situación 2 de forma preventiva pola súa proximidade ao núcleo de poboación de Lornís.

Segundo as últimas medicións tomadas dende o terreo afecta unha superficie de arredor de 2.000 hectáreas, parte delas no concello de Sober. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 12 técnicos, 85 axentes, 112 brigadas, 73 motobombas, 9 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 14 helicópteros e 12 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo A Fonsagrada-O Torbo

Desde as 02.25 horas de hoxe permanece activo un incendio forestal no concello da Fonsagrada, parroquia do Trobo, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 30 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse 7 axentes, 13 brigadas, 9 motobombas, 1 pa e 3 helicópteros.

Controlado Barreiros-San Xusto de Cabarcos

Por outra banda, tamén na provincia de Lugo, segue controlado desde o pasado martes 16 ás 21.59 horas o incendio forestal rexistrado no concello de Barreiros, parroquia de San Xusto de Cabarcos, iniciado o domingo 14 ás 16.14 horas. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 140 hectáreas de monte arborado. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 8 técnicos, 81 axentes, 112 brigadas, 88 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 2 avións.

CONFINAMENTOS, EVACUACIÓNS OU DESALOXOS

Segundo as últimas informacións do 112 Galicia, non hai ningunha poboación evacuada ou confinada.

 

Back to top button