ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

Convenio entre a Consellería de Vivenda e o Concello de Río para humanizar a praza Pedro Fernández

A actuación, que suporá un investimento de máis de 172.000 €, permitirá revitalizar a praza e homoxeneizar o núcleo de San Xoán de Río a través da conexión física e visual dos puntos estratéxicos do municipio, dotando aos veciños dun espazo de calidade

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o alcalde Xosé Miguel Pérez Blecua, asinaban esta tarde en San Caetano o convenio para executar as obras de humanización da Praza Pedro Fernández, que suporá un investimento total de algo máis de 172.000 euros. Neste acto de rúbrica deste acordo tamén estiveron o secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo,  e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas.

A través deste convenio, ao abeiro do chamado Plan Hurbe impulsado pola Xunta co fin de axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas, trátase de intervir na revitalización desta praza e homoxeneizar o núcleo de San Xoán de Río a través da conexión física e visual dos puntos estratéxicos do concello, permitindo unha maior cohesión e dotando á veciñanza dun espazo de calidade.

O departamento que dirixe M. Allegue da así apoio ao Concello de San Xoán de Río, que leva dende hai tempo, executando obras de recuperación, tanto de elementos arquitectónicos como de viarios existentes, mellorando as condicións de circulación e de accesibilidade, co fin de revalorizar o patrimonio presente no Concello e incentivando así a súa recuperación no reto demográfico.

A praza obxecto deste proxecto forma así parte do centro neurálxico do municipio ourensán, xa que no entorno da mesma atópanse o bar do pobo, que constitúe un verdadeiro centro social e punto de encontro dos veciños, unha pensión con restaurante de recente construción, unha área deportiva, o centro de saúde e a Casa do Concello.

A Xunta, a través desta cooperación achegará o 70% do orzamento desta intervención, con máis de 120.000 euros, contratará e executará as obras.

O Concello de San Xoán de Río asumirá o 30% restante do custe das obras, algo máis de 51.000 euros, e corresponderalle o mantemento e conservación.

Estas actuacións enmárcanse na continuada colaboración entre a Xunta e as entidades locais para a execución de obras e outras actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.

Ademais, a través de distintas medidas e de liñas de colaboración como o Plan Hurbe, a Xunta contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais da comunidade como motores de dinamización, ao converterse en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.

Back to top button