ConcellosÚltima horaVilariño de Conso

Convenio entre Vilariño de Conso e Turismo de Galicia para construír unha piscina municipal na praia fluvial da Faceira

O orzamento total do proxecto, que inclúe unha edificación de apoio, ascende a 400.000 euros, dos cales a Xunta cubrirá 225.000 euros.

Exterior da Casa do Concello de Vilariño de Conso./ Foto: O SIL

 

Na reunión celebrada neste luns 20 de abril, o Consello da Xunta vén de aprobar a sinatura dun convenio entre Turismo de Galicia e o Concello de Vilariño de Conso para a construción dunha piscina municipal e unha edificación de apoio na contorna da praia fluvial da Faceira, co fin de reforzar a oferta de ocio e turística deste municipio ourensán. O orzamento total do proxecto ascende a 400.000 euros, dos cales a Xunta cubrirá 225.000 euros.

A iniciativa enmárcase na Estratexia de turismo de Galicia 2030, mantendo a aposta pola sustentabilidade integral e remarcando a importancia das actividades en contornas naturais. A través deste acordo, búscase xerar un espazo que permita tanto o gozo dos residentes do concello ourensán como a práctica do turismo activo e deportivo.

A obra levarase a cabo nunha parcela de titularidade municipal de aproximadamente 37.098 metros cadrados, situada na Faceira, na marxe esquerda do río Conselo e fronte á estrada municipal que comunica Vilariño de Conso e Soutelo, tal e como informa a Xunta de Galicia.

O convenio inclúe, ademais da piscina, a habilitación dun espazo auxiliar destinado a ofrecer servizos á instalación, integrando unha área para os socorristas, unha zona de almacenamento para o mantemento da instalación e dous vestiarios divididos por sexos.

O obxectivo desta nova infraestrutura é complementar a oferta turística de Vilariño de Conso, aproveitando os recursos existentes e favorecendo a chegada de novos visitantes. Así mesmo, servirá como impulso para a economía local e favorecerá a consolidación do concello como destino de ecoturismo. Turismo de Galicia investirá 225.000 euros para construír unha piscina municipal e unha edificación de apoio co obxectivo de impulsar as actividades veciñais neste espazo natural, segundo o Goberno galego.

Back to top button