EconomíaEconomíaÚltima hora

Convócase a segunda edición dos bonos Activa Comercio

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta nova convocatoria do programa de dinamización da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que porá a disposición da cidadanía desde mañá ás 9,00 horas bonos desconto de ata 30 €

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración pola que se convoca a segunda edición de 2026 dos bonos Activa Comercio, co mesmo orzamento que a primeira (2,5 M€) para poñer a disposición das persoas consumidoras desde mañá mércores bonos desconto de ata 30 euros. O importe súmase aos 2,5 millóns destinados á convocatoria do pasado mes de maio, acadando un total de 5 M€.

Co gallo de dar unha maior visibilidade ás compras realizadas no comercio de proximidade e de incentivar tanto a demanda comercial como a fidelización da clientela, nesta segunda edición repetirase o sorteo en redes sociais estreado na primeira campaña do ano, de novo nas contas de Instagram e TikTok da Xunta de Galicia. O premio serán novamente catro bonos por valor de 250 € cada un, para investir nos establecementos adheridos á iniciativa.

Os establecementos que xa participaron na primeira edición non terán que inscribirse de novo para participar, senón que segue vixente a súa adhesión co obxecto de gañar en axilidade en beneficio tanto das persoas comerciantes como das consumidoras. En todo caso, se algún comercio non se sumou á anterior convocatoria e quere facelo agora, ten de prazo aínda ata o 15 de decembro ou ata que remate o crédito desta última edición deste ano.

Detalle da convocatoria

O programa dos bonos Activa Comercio ten como obxectivo incentivar a demanda comercial axudando economicamente as persoas consumidoras e fomentando o consumo nos establecementos retallistas adheridos á campaña. Con esta nova edición, o Goberno galego prevé mobilizar máis de 8,5 M€ en vendas no comercio de proximidade de Galicia, atendendo ao crédito do programa e ao importe dos bonos.

Cada bono terá un desconto de 30 euros para as compras realizadas nos comercios adheridos. A partir de mañá 28 de outubro (desde as 9,00 horas) as persoas consumidoras poderán descargar eses bonos desde a web www.bonosactivacomercio.gal e empregalos nos establecementos mediante o seu formato dixital QR.

O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalles un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

Coma nas ocasións anteriores, cada persoa poderá descargar un único bono e non se limitará o número de usuarios que poden descargalos, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 M€, os bonos descargados xa non se poderán usar.

Por segunda vez desde o nacemento da iniciativa, convídase ás persoas consumidoras implicadas a participar nun sorteo, de novo nas contas de Instagram e TikTok da Xunta (@xuntagal e @xuntadegalicia, respectivamente). Deberán dar un “gústame” á publicación correspondente en calquera dos perfís, mencionar o cancelo #ComercioGalego, o establecemento onde mercaron, a localidade e unha persoa que poida estar interesada no sorteo. Os gañadores dos catro bonos de 250 € que se outorgarán como premio terán unha semana para reinvestilos nos establecementos adheridos.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20261027/AnuncioG0767-081026-0005_gl.html

Back to top button