CulturaCulturaÚltima hora

Convócase o XI Premio Antón Risco de Novela Curta como homenaxe a este escritor alaricano

 

A Fundación Vicente Risco, Deputación de Ourense e Pastelería Fina Rei convocan conxuntamente o «XI Premio Antón Risco» de novela curta co fin de homenaxear o escritor e teórico da literatura alaricano Antón Martínez-Risco Fernández.

Continuador do gusto do seu pai polo fantástico, don Vicente Risco (a quen podemos considerar introdutor do xénero fantástico na literatura galega coa obra Do caso que lle aconteceu ao Dr. Alveiros, en 1919), Antón Risco foi un profundo teórico da literatura fantástica con obras como Serpentáguila (Notas de un lector de poesía), Quebec (Canadá), Ediciones Hipogrifo, 1986; Literatura fantástica de lengua española (Teoría y aplicaciones), Madrid, Taurus, 1987; Viaxes á América Latina á procura de literatura fantástica. Sada (A Coruña), Edicións do Castro, 1987. Cabe destacar o seu labor de editor en Antoloxía da literatura fantástica en lingua galega, Vigo, Galaxia, 1991. Tamén foi un prolífico escritor de novelas e relatos fantásticos, moitos deles aínda inéditos.

Por tal motivo, e co fin de continuar o seu labor de divulgar a creación orixinal, con especial énfase na de xénero fantástico, convócase este premio conforme as seguintes BASES:

PRIMEIRA: Poderá concorrer calquera persoa que o desexe cunha novela curta escrita en lingua galega ou portuguesa.

SEGUNDA: As novelas presentadas deberán ser anónimas, inéditas en todas as linguas e formatos (tanto impreso como dixital), e non ter sido publicadas ou premiadas (en todo ou en parte) con anterioridade.
A obra deberá ter unha extensión mínima de 60 páxinas e máxima de 100 páxinas, conter, cando menos, 25 liñas por páxina e estar escrita a espazo 1’5, en letra Arial, tamaño 12. Na última páxina anexa deberase facer constar o número total de caracteres con espazos do orixinal.
Calquera orixinal entregado sen cumprir todos os requisitos de forma (tipo e corpo de letra, espaciado…) será automaticamente descartado.

TERCEIRA: O prazo de entrega remata o día 15 de febreiro de 2026. Os orixinais deberán ser remitidos á FUNDACIÓN VICENTE RISCO, RÚA SAN LOURENZO 3, CP 32.660 ALLARIZ, (apartado de Correos 21–Allariz) por correo postal CERTIFICADO, sen que consten no exterior elementos de identificación da autora ou autor.

CUARTA: Os orixinais presentaranse en formato impreso por quintuplicado ou ben en PDF gravados en calquera soporte físico (pendrive ou calquera outro análogo, excluído o CD e o DVD).
Os orixinais irán acompañados dun sobre fechado que conterá a identidade do/a autor/a (nome completo, enderezo postal, teléfono e correo electrónico) e o título definitivo da súa obra, así como unha declaración xurada asinada polo/a autor/a en que declare a súa autoría, así como o seu carácter inédito, facendo constar no exterior só o título ou lema da mesma.

QUINTA: A obra gañadora será premiada con 3.000,00 €, así como a publicación do libro. O premio está suxeito á normativa fiscal vixente, sendo por conta da persoa premiada o pagamento dos impostos que lle puideran corresponder.
A FUNDACIÓN VICENTE RISCO, a través do seu selo editorial DR. ALVEIROS, será a encargada da súa edición e publicación podendo establecer acordos con algunha editora portuguesa, co fin de facilitar a súa difusión, no suposto de que a obra gañadora estea escrita en portugués.

SEXTA: O xurado estará composto por cinco persoas. Unha delas fará as funcións de secretaría ou ben a organización designará outra que as faga. Neste último caso, non terá voz nin voto.

SÉTIMA: Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, segundo o criterio do xurado, este poderá declarar o premio deserto. A súa decisión será inapelábel.

OITAVA: A contía do premio inclúe a adquisición dos dereitos de autoría, polo que as entidades organizadoras se reservan o dereito de publicación da obra gañadora en lingua galega e portuguesa. Estes dereitos correspóndenlle en exclusiva á Fundación Vicente Risco. A persoa premiada recibirá gratuitamente 25 exemplares
da obra publicada e na adquisición doutros exemplares contará cun desconto do 50%.

NONA: Os orixinais que non resulten premiados serán destruídos.

DÉCIMA: O fallo do xurado terá lugar en Allariz, na sede da Fundación Vicente Risco, durante o mes de maio de 2026, e será publicada nas redes sociais da FVR (Facebook, Twitter e Instagram).

DÉCIMO PRIMEIRA: A participación neste premio leva de seu a aceptación das presentes bases, así como a decisión do xurado, que será inapelábel.

Back to top button