OurenseÚltima hora

Convócase o proceso selectivo para cubrir 127 prazas de auxiliar de policía local en 32 concellos, entre eles O Barco

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases reguladoras da oposición por quenda libre para a contratación das persoas que superen as probas en réxime laboral temporal ou formar parte da listaxe de reserva

 

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria do proceso selectivo unitario que permitirá cubrir 127 prazas de auxiliar de policía local en 32 concellos galegos, entre os que figuran O Barco de Valdeorras e Barbadás. Trátase dun procedemento de oposición por quenda libre, de maneira que as persoas que o superen, serán contratados en réxime laboral temporal nalgún dos concellos que convocan os postos ou formarán parte da listaxe de reserva no caso de non obter posto ou con dereito a el que non o elixiron ou aceptaron.

O proceso consta de tres probas que comezan coa de avaliación de coñecementos cun cuestionario de 50 preguntas tipo test e, no caso de non estar exentos, da de avaliación de coñecemento de lingua galega. A terceira proba é de aptitude física con exercicios de potencia de tren inferior con salto e vertical e de resistencia cunha carreira de 1.000 metros lisos. As persoas aspirantes que aproben e as incluídas na listaxe de reserva deberán superar, posteriormente, un curso de formación teórico-práctica na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) como requisito indispensable para ser contratados como auxiliares de policía local.

Os 32 concellos que convocan as 127 prazas son A Cañiza, A Estrada, A Guarda, A Illa de Arousa, Baiona, Cambados, Cangas, Gondomar, Marín, Meaño, Moaña, O Grove, O Rosal, Poio, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa, na provincia de Pontevedra; A Laracha, A Pobra do Caramiñal, Arteixo, Bergondo, Boiro, Camariñas, Carballo, Cedeira, Malpica de Bergantiños, Melide, Miño, Noia e Ponteceso, na provincia da Coruña; así como os xa mencionados concellos ourensáns de Barbadás e O Barco de Valdeorras e Mondoñedo, en Lugo.

O prazo de inscrición ábrese mañá e prolóngase durante 10 días hábiles. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Artigos relacionados

Back to top button