
“Córgomo Arte XIII: Gromos” volve á Sala Conde e Torino de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), con novidades. Será o sábado 6 de decembro ás 17:00 h., e manterase ata o 6 de xaneiro. Nesta ocasión a mostra unicamente incluirá obras dos dous artistas promotores do proxecto, os escultores Manuel Conde e Victorino Núñez “Torino”. “Este verán Galiza ardeu e deixárona arder. Vilamartín de Valdeorras fíxose cinza e o lume chegou ó limiar da nosa casa, a mesma na que cada ano a arte toma a palabra e nos axita e conmove coa forza da súa mensaxe. A familia que formamos o equipo de Córgomo Arte non podemos nin queremos permanecer alleos a esta agresión salvaxe, non só contra o noso medio, senón tamén contra a nosa forma de estar no mundo. Ardeu a terra e ardemos nós”, sinala a comisaria da mostra, Silvia Fiallega.

Neste seso, “Córgomo Arte agromou nesta mesma terra para facer da arte un xeito libre de falar do que
importa, un espazo franco para a reflexión, na procura da xustiza social e un mundo mellor para todxs. Tralo acontecido cos lumes, cremos que nesta edición é o momento de volver a ela, á orixe. Queremos renacer como sabemos que o fará esta natureza abrasada pola acción humana: é o cambio climático, é a explotación sen medida do medio ambiente, é a avaricia e a falta de conciencia de querer cada vez máis a costa de todo. Todos temos culpa, mais tamén somos parte da solución”, asegura Fiallega.
Coma cada ano, a exposición poderá verse as fins de semana e os festivos, desde as 10:00 ata as 22:00 h. Como unha sinal de respecto e solidariedade coa xente afectada polos lumes, “non faremos acto inaugural, mais si recibiremos con gusto a todo aquel que se queira achegar a visitarnos”.