Godeval, na súa aposta pola uva godello, “ten un produto diferenciado e que lle permitiu posicionarse en distintos mercados como é o ámbito internacional. É unha empresa que soubo desenvolverse dende a investigación, cunha permanencia e iso permitiulle posicionarse en distintos mercados como é o ámbito exterior. Ese é o valor importante que temos en empresas galegas como Godeval”. Así o sinalaba a directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, na visita que realizaba esta mañá á sede desta adega da D.O. Valdeorras, en Xagoaza (O Barco).
Trátase dunha das unha das firmas vitivinícolas galegas con maior vocación exportadora e, nese marco, Toca destacaba as políticas de apoio á internacionalización das pemes galegas que desenvolve a Xunta de Galicia a través de iniciativas como o programa FOEXGA, clave para achegar os produtos galegos aos mercados internacionais.
Pola súa banda, a responsable de Godeval, Araceli Fernández, faláballe sobre a Denominación de Orixe Valdeorras e sobre a relevancia do programa REVIVAL, impulsado polo seu pai Horacio Fernández Presa, que permitiu a recuperación da prestixiosa variedade branca godello. Tamén explicaba como se iniciaba o proceso exportador desta adega e como a súa referencia foi Estados Unidos. “A nosa exportación estaba principalmente centrada alí e, posteriormente, o noso obxectivo foi ir diversificando esa exportación para non ter todos os ovos nunha cesta. Nós chegamos a vender fóra o 40% da nosa produción, pero é certo que nos últimos anos melloramos a nosa rede nacional e tamén diversificamos os países á hora de exportar”.

Así mesmo, Fernández del Palacio comentaba que a “nosa política foi sempre, unha vez que estabamos asentados, buscar as ferramentas para poder desenvolvernos. Os noso punto forte é Centroamérica, Sudamérica, algún país europeo”. E matizaba que os obxectivos da adega son, a parte de seguir medrando e diversificarse e empezar a conquistar o mercado asiático. É complicado, é un proceso que non se fai a curto prazo, pero trátase de empezar a traballar, a coñecer os mercados e mirar que vehículos podemos ter para poder ampliar nese sector. Evidentemente as feiras de exportación son un instrumento, pero existen outras formas interesantes como as misións inversas nas que poidamos empezar a contactar con aqueles países onde non estamos”.
Covadonga Toca, que estaba acompañada nesta vista pola directora xeral de XesGalicia, Raquel Rodríguez Espiño, entre outras persoas, percorría as instalacións da adega, así como parte dos seus viñedos, ademais de catar os seus godellos.

Durante esta visita a directora do Igape, Covadonga poñía en valor o exemplo de Godeval como proxecto que soubo combinar innovación, calidade e tradición para consolidarse como referente no sector do viño godello. Neste sentido, sinalou, a empresa participa dende hai anos nas misións comerciais FOEXGA promovidas polo Igape e as cámaras de comercio galegas. Grazas a este apoio, logrou reforzar a súa presenza en destinos estratéxicos como Estados Unidos e Reino Unido.
Así, desde 2019, Godeval ten tomado parte en máis dunha decena de misións comerciais, aliñando a súa estratexia co obxectivo compartido de situar a variedade godello, amparada pola Denominación de Orixe Valdeorras, nos mercados internacionais. Este esforzo tradúcese tamén na mellora constante dos seus procesos, como demostra a súa solicitude para participar no programa Reacciona para a preparación de procesos certificables.
Exportacións en máximos históricos
A directora do Igape destacou que a evolución de Godeval encaixa co bo momento que atravesa o comercio exterior galego, no que Galicia pechou o mes de marzo de 2025 cun volume de exportacións superior aos 2.746 millóns de euros, un 12 % máis que no mesmo mes do 2024, ano que se pechou cun récord histórico de vendas ao exterior ao superarse os 31.000 millóns de euros. Trátase do mellor dato mensual no que vai de ano, cun saldo comercial positivo de máis de 944 millóns de euros.
“Este crecemento, superior á media estatal, reforza a aposta do Goberno galego por impulsar a proxección internacional das empresas da Comunidade, especialmente en sectores clave como a automoción, o téxtil ou o agroalimentario, onde se inclúe o viño. Para contribuír a este obxectivo, expuxo, a Xunta destina este ano 12,5 millóns a apoiar a saída ao exterior das empresas galegas”, segundo o Igape.
Así, están activos os programas Galicia Exporta Empresas -para que as pemes poidan acceder a fondos para accións en feiras internacionais, campañas de márketing exterior ou proxectos de dixitalización-; o Galicia Exporta Organismos Intermedios; e o propio FOEXGA, que só no 2024 mobilizou máis de 2,3 millóns de euros e permitiu a participación de 274 empresas en preto de setenta misións comerciais en 43 países.

Dúas novas liñas FOEXGA activas
Neste sentido, Toca Carús sinalou que o FOEXGA ten abertas dúas liñas: unha orientada a apoiar a pemes con presencia dixital internacional para participar en feiras e misións comerciais con axudas de ata o 70 % dos gastos subvencionables; e outra para Grandes Empresas, que busca fomentar a participación destas compañías en misións comerciais e eventos expositivos internacionais.
Unha aposta pola internacionalización que, destacou a directora, ten en conta tamén o escenario actual marcado pola política arancelaria dos Estados Unidos. Así, Toca Carús lembrou que a Xunta activou este mesmo luns un conxunto de medidas extraordinarias que combinan acción directa co tecido empresarial e medidas técnicas de apoio para anticiparse aos impactos económicos. A primeira delas consiste na celebración dunha rolda de encontros sectoriais, que comezaron onte mesmo e se desenvolverán ao longo desta semana en colaboración coa Antena do Igape en Miami.

Covadonga Toca rematou destacando o valor engadido que supón para Galicia contar con empresas como Godeval, que elaboran os seus viños integramente con uvas propias e desde un enclave histórico singular como o Mosteiro de Xagoaza. “O viño galego é embaixador da nosa paisaxe, da nosa cultura e da nosa capacidade para innovar. E a internacionalización é o camiño para seguir medrando sen perder as nosas raíces”, concluíu.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.
