OurenseÚltima hora

Cruz Vermella atendeu a máis de 13.700 persoas na provincia en 2024, 1.241 na asemblea de Valdeorras

O Comité Provincial aprobou as contas e o informe de actividade do ano pasado, ademais de facer un balance do primeiro semestre deste ano

 

A sede de Cruz Vermella en Ourense acollía o pasado 26 de xuño a reunión do Comité Provincial, na que se fixo un primeiro balance da actividade levada a cabo dende os diferentes proxectos no primeiro semestre do ano e se aprobaron as contas e a memoria de actividade de 2024.

Da presentación dos datos de informe de actividade, Felipe Ferreiro, presidente provincial, salientou o traballo do persoal técnico e voluntario dende todas as áreas, que atenderon a máis de 13.700 persoas durante o 2024 (1.241 na Asemblea de Valdeorras=. A elas hai que engadir os máis de 10.400 participantes en actividades de sensibilización, entre as que destacan as de promoción da saúde e as realizadas desde Cruz Vermella Xuventude.

Nun momento social no que prima a inmediatez, Feijóo fixo un chamamento á reflexión, “a parar uns minutos e mirar máis alá, xa que detrás destas cifras, destes grandes números, hai persoas que están ou estaban pasando por dificultades de moi diferente índole e precisaban dun apoio para saír adiante”.

 

 

Na análise dos datos, cabe destacar que na área de Inclusión Social foron atendidas máis de 8.000 persoas que precisaban axuda para cubrir as súas necesidades básicas. Ferreiro subliñou que “o emprego é un factor determinante para a inclusión social, polo que os datos do Plan de Emprego son fundamentais e centro do noso esforzo, xa que a través dos nosos proxectos máis de 360 persoas accederon a un posto de traballo, coa mellora de autonomía e calidade de vida que conleva para estas persoas e as súas familias”. En total foron preto de 1.600 participantes en cursos de formación e sesións de orientación para achegalos ao mercado laboral, promovendo a igualdade de oportunidades e a eliminación de estereotipos grazas á colaboración e complicidade do tecido empresarial ourensá.

Noutros ámbitos as cifras ascenden a máis de 3.200 persoas na área de Saúde, preto de 6.500 persoas na área de Educación, máis de 200 na área de Medio Ambiente e máis de 200 na área de Socorros. Neste sentido, lembrou que todas as accións de Cruz Vermella están vinculadas aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, a Axenda 2030 que nos implica a todas e a todos para transformar o mundo, poñendo fin á pobreza, protexendo o planeta e avanzando pola senda da Paz.

 

 

Para rematar, Ferreiro agradeceu a súa implicación e apoio a todos os membros do Comité e aos presidentes comarcais de Cruz Vermella polo seu traballo diario, así como ás administracións públicas, ao tecido empresarial ourensá, ás máis de 9.700 persoas e empresas socias, e aos preto de 2.6700 voluntarios/as que colaboran puntualmente coa organización, facendo especial mención ás que colaboraron na resposta ante a emerxencia da Dana en Valencia.

Os proxectos de Cruz Vermella foron financiados pola Xunta de Galicia, o Goberno de España, o Fondo Social Europeo, a Deputación de Ourense, o Concello de O Barco de Valdeorras, Concello de O Carballiño, Concello de Celanova, Concello de O Irixo, Concello de Ourense, Concello de Ribadavia, Concello de Xinzo de Limia e Mancomunidade de Verín, Fundación “la Caixa”, e por fondos propios da Institución (doazóns, aportacións de socios/as, Sorteo de Ouro, etc.).

 

Back to top button