CulturaCulturaÚltima hora

Culmina un proxecto de arqueoloxía de experimental do Castro de Viladonga que usa goethita de Valdeorras

Pode verse nunha mostra exposta no museo deste xacemento, titulada “A siderurxia no Castro de Viladonga. Unha achega dende a antigüidade”

 

O Museo do Castro de Viladonga (Lugo) acolle unha exposición sobre siderurxia que culmina un proxecto de arqueoloxía experimental levado a cabo nos últimos anos neste centro, dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. A mostra foi presentada hoxe na Delegación Territorial da Xunta en Lugo nun acto no que participaron o delegado territorial, Javier Arias; a directora do Museo, Elena Varela; o comisario da exposición, Diego Torres, e o alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, entre outros.

A proposta expositiva “A siderurxia no Castro de Viladonga. Unha achega dende a antigüidade” está composta por diferentes paneis informativos, unha escolma de elementos metálicos atopados no castro e na súa contorna, e o forno utilizado no experimento, réplica dun forno de tipo galo-romano construída con pedra local e pallabarro.

Permanecerá instalada ata o mes de outubro, e axudará aos visitantes a aproximarse ao inicio da metalurxia, afondando en aspectos como a obtención de minerais, a elaboración do ferro e outros subprodutos froito do proceso, e a fabricación de utensilios con estes materiais. A información tamén será accesible nos vindeiros días a través dun vídeo documental online titulado “Da pedra ao ferro”, que estará dispoñible na páxina web do Museo e nas redes sociais.

Javier Arias explicou que a Xunta promoveu en Viladonga un amplo estudo sobre as materias primas que podían atoparse na contorna, as técnicas, e as ferramentas coas que traballaban os minerais. Contou coa colaboración da cooperativa Árbore Arqueoloxía e a parte práctica foi executada polos ferreiros Friedrich Bramsteildl e Jon Sánchez.

Conxugou investigación e experimentación; en concreto, lograron reducir o mineral de ferro reproducindo os antigos procedementos, para o que se empregou goethita da zona de Valdeorras, carbón vexetal e ósos a modo de escourificante.

Back to top button