CulturaCulturaÚltima hora

Cultura, deporte e ocio en familia, neste Nadal en Quiroga

Reis no Auditorio de Quiroga./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A visita de Papá Noel, o Apalpador e os Reis Magos, representacións teatrais, música, deporte e moitas actividades para os máis pequenos conforman o programa elaborado polo Concello de Quiroga, de ocio e cultura en familia para celebrar este Nadal.

O programa ábrese o xoves 18 de decembro coa tradicional cea de Nadal que o Centro Social ofrece aos seus socios. Ao día seguinte, o venres 19, ás 18h. no Auditorio Municipal o grupo Galeteatr presenta a obra Berenguela na Gaiola, contando co patrocinio da área de Cultura de Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O domingo 21 de decembro, a partir das 18h. no Auditorio Municipal o grupo humorístico Trípode, presentará o teatro A Presa. Contando tamén co patrocinio da área de Cultura de Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O martes 23 de decembro, na rúa Campo da Feira, Papá Noel recibirá a partir das seis da tarde a todos os nenos e nenas, que ademais estarán convidados a un chocolate con churros. O venres 26 de decembro, os socios e socias do Centro Social, contarán cunha animada tarde de bingo a partir das cinco. O sábado día 27, o Auditorio Municipal acollerá o musical Un conto de Nadal, a cargo de La Oca Band, dentro do programa Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia. E o día 28, tamén no Auditorio Municipal ás 18h. A viaxe do Señor López a cargo de Señor López Producións. Esta obra forma parte do programa Circuitos de Teatro da Deputación de Lugo.

Ademais, os días 27 e 28, a praza de España acollerá o Mercado de Nadal, de comercio local e artesanía. Entre ás once da mañá e as dúas do mediodía e pola tarde entre as catro e as oito ademais dos postos de venda contarase coa visita do Apalpador, atraccións e actividades infantís e animacións musicais, e unha demostración de demostración de torneado en madeira. Esta actividade conta co patrocinio da área de cultura de Vicepresidencia da Deputación Provincial e coa colaboración da Asociación de Empresarios e Comerciantes do Xeoparque Montañas do Courel.

 

 

O martes 30 de decembro, ás 17:30h, contacontos En el desván hay un baúl, a cargo de Erica González, actividade que conta co patrocinio da área de Cultura de Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Nesta mesma xornada, unha nova cita nas instalacións do Centro Social, cun novo Faladoiro ás 18h.

A pechando o mes e o ano, dúas citas deportivas. Entre o 29 e o 31 de decembro disputarase no pavillón municipal o XXI Torneo de Nadal de Fútbol Sala; e o día 31 pola mañá a carreira andaina San Silvestre. A saída está prevista dende a praza de España ás 12h.

Iniciando o novo ano, o día 2 de xaneiro a Casa da Cultura acollerá o espectáculo de títeres Esperta o rinoceronte, a cargo de Nao Caracola. O espectáculo que comeza ás 18h. e forma parte do programa móvete da Vicepresidencia da Deputación Provincial. O 3 e o 4 de xaneiro os máis pequenos terán unha festa infantil de inchábeis no pavillón municipal entre as tres e media e as sete e media da tarde.

O 4 de xaneiro tamén haberá unha cita no Auditorio Municipal. Ás 20h. o espectáculo Grandes voces da canción achegará a Aialma e Antonio Barros ata Quiroga grazas ao programa concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia. E como remate desta programación de Nadal, o 5 de xaniro, a partir das 18h. as Súas Maxestades Os Reis Magos de Oriente, percorrerán a rúa Real e recibirán a todos os nenos e nenas no Auditorio Municipal.

Back to top button