SanidadeÚltima hora

Cum laude para a oncóloga Ana Fernández do CHUO pola súa tese sobre o cancro de colon metastásico

Coa súa tese abre novas vías a investigación ao confirmar o valor prognóstico do xene RAS así como novas alternativas terapéuticas tendo en conta o fenómeno NeoRAS

 

A doutora Ana Fernández Montes, oncóloga do Hospital Universitario de Ourense, vén de obter a cualificación de sobresaínte cum laude, na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, pola súa tese doutoral sobre o cancro colorectal metastásico, no que aborda o papel das mutacións xenéticas, en pacientes con este tipo de tumor avanzado, co obxectivo de mellorar a súa atención e implantar tratamentos de precisión.

A tese, que leva por título “Avaliación integral das mutacións en RAS no cancro de colon metastásico: Implicacións no tratamento e prognóstico no contexto clínico español” aborda de forma exhaustiva o papel das mutacións nos xenes da familia RAS, particularmente KRAS, que xogan un papel clave, tanto na evolución do cancro colorrectal metastásico (CCRm), como na resposta aos tratamentos, co obxectivo de avanzar na estratificación molecular dos pacientes, mellorar a toma de decisións terapéuticas e identificar novos escenarios clínicos para o tratamento personalizado.

O traballo científico recolle tres liñas de estudo principais: En primeiro lugar, analizar o papel do estado mutacional cara ao tratamento personalizado, que confirma que coñecer o estado mutacional (de RAS) é esencial para decidir os tratamentos máis eficaces xa que, determinadas mutacións, están asociadas cun peor prognóstico e menor resposta a terapias dirixidas.

A segunda liña aborda o impacto das mutacións específicas, identificando que non todas as mutacións (en KRAS) teñen o mesmo efecto, sendo algunhas máis agresivas que outras segundo a súa localización no xene, o que permite afinar o prognóstico de forma máis precisa.

Por último, a nova doutora estuda o fenómeno dos cambios nas mutacións durante o tratamento, coñecido como NeoRAS, que consiste en que, baixo certos tratamentos, as mutacións en RAS poden desaparecer temporalmente, o que abre a posibilidade de empregar terapias antes descartadas para eses pacientes.

 

 

Novas vías terapéuticas e de investigación

A investigación de Fernández Montes identifica que certas mutacións xenéticas non só inflúen no prognóstico dos pacientes, senón tamén na eficacia dos tratamentos, especialmente daqueles baseados en terapias dirixidas. Ademais, descubre que algúns pacientes poderían beneficiarse de opcións terapéuticas que ata agora non se lles ofrecían, grazas a cambios nas mutacións durante o curso do tratamento.

O seu traballo abre así novas vías de investigación, sobre a influencia da localización exacta da mutación no xene RAS no prognóstico dos pacientes, e establece novas dianas terapéuticas, tendo en conta o fenómeno NeoRAS, o que abre novas posibilidades de tratamentos de precisión.

Con máis de 60 publicacións en revistas indexadas, capítulos de libros e participación activa no desenvolvemento de guías clínicas, a doutora Fernández Montes é unha figura recoñecida no sector oncolóxico nacional. Ocupa actualmente cargos de responsabilidade como vogal da Xunta Directiva da Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM); do Grupo Español de Investigación en Tumores Dixestivos (TTD) e vicepresidenta do Grupo Galego de Investigación en Tumores Dixestivos (GITuD). Ademais, coordina grupos de traballo en SEOM centrados en pacientes, oncoxeriatría e cancro de colon.

Este traballo doutoral contribúe de forma relevante ao coñecemento actual sobre a bioloxía molecular do CCRm, reforzando a necesidade dunha abordaxe personalizada baseada en marcadores moleculares e abrindo novas vías de investigación traslacional no ámbito da Oncoloxía.

Back to top button