A XLIV Feira do Viño de Quiroga abría as súas portas na tardiña do Venres Santo, 3 de abril, cun programa cargado de actividades, catas e música. “Esta celebración arrancaba en novembro de 1980, un cambio de data e a non celebración por mala colleita un ano, fai que non coincida o número de edicións co ano real no que empezou”, lembran dende o Concello de Quiroga. Dende entón a mostra foi evolucionando e medrando con moitos cambios, “pero tendo sempre moi presente o seu verdadeiro protagonista: o viño de Quiroga”.
E este viño, que primeiro foi o elaborado tradicionalmente polos pequenos viticultores, e que agora presentan as adegas da zona, amparadas pola D.O. Ribeira Sacra; está sempre acompañada dun amplo programa de actos que contribúe a darlle máis importancia, se cabe, á exaltación do produto máis importante do Val de Quiroga, non en balde as terras quiroguesas acollen, segundo datos do 2025 do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, 277’46 hectáreas adicadas á vide ( o 24% de toda a extensión vitícola da D.O. Ribeira Sacra).
Na xornada do venres tiña lugar dúas catas (unha á mañá e outra pola tarde) dos viños participantes na feira, cunha moi boa acollida, ambas nunha carpa situada na rúa Lago. Despois, ás 21h. abríase o recinto feiral e a medianoite actuaba o grupo Rosies in Hell, seguido da disco móbil EME. Music.
Fotos: RTM Quiroga.