CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Curso de introdución á lingua e á cultura galegas, a finais de outubro en Quiroga

 

O Concello de Quiroga contará cun curso de iniciación ao galego especialmente indicado para aquelas persoas que se achegan por primeira vez ao galego. O curso está dirixido a persoas maiores de 16 anos, ou que os fagan no ano 2026, que desexen adquirir ou mellorar as súas competencias en lingua galega e os seus coñecementos sobre a cultura de acollida. Non se requiren coñecementos previos de galego, xa que as clases estarán adaptadas a diferentes niveis.

Trátase dun curso presencial, de 20 horas, co que se pretende promover o emprego do galego e o coñecemento da cultura galega en distintos ámbitos da poboación e en todos os contextos da sociedade, dirixíndose particularmente aos novos galegos e galegas que están chegando ao noso concello dende lugares de fóra da nosa comunidade.

Este curso ten un dobre obxectivo: fomentar a integración e a inclusión sociocultural efectiva das persoas participantes, dado que aprender o idioma do país de acollida é esencial para integrarse con éxito, así como aproveitar o enorme potencial que supón a chegada de persoas de fóra de Galicia como un xeito de incrementar o número de falantes da nosa lingua. O número máximo de persoas participantes será 20.

Lugar, datas e horarios de realización

O curso é gratuíto e impartirase na modalidade presencial do 26 ao 30 de outubro deste 2026. O horario será de 9:30 a 13:30 h. na Casa da Cultura (Aula Cemit).

O alumnado contará con material didáctico de balde.

Inscricións

Para poder participar, será necesaria inscrición presencial na Biblioteca Municipal da Casa da Cultura (Rúa Real s/n 1º andar). As prazas cubriranse por orde de solicitude.

Contidos do curso

Ten unha duración de 20 horas repartidas en 5 unidades. Nelas vanse estudar nocións básicas de lingua galega xunto con outras de carácter cultural. Na parte de gramática hai unha introdución á fonética do galego, xunto coas distintas clases de palabras (artigos, pronomes persoais substantivos, adxectivos, verbos, adverbios, preposicións, conxuncións etc.),ortografía básica (uso de distintas grafías, regras de acentuación etc.) e outros recursos de utilidade para a comunicación na vida cotiá. Inclúense, así mesmo, contidos relacionados coa cultura e a historia de Galicia (gastronomía ,tradicións, festas, música etc.).

O curso, que impulsan as Concellerías de Servizos Sociais e Dinamización Lingüística farase efectivo cun mínimo de inscricións e chega ao Concello de Quiroga tras ofrecemento do mesmo por parte do Departamento de Formación da Cruz Vermella de Lugo.

O concelleiro, Xosé Manuel Fernández, traslada o seu agradecemento á Cruz Vermella e amosa unha gran satisfacción por facer posible que a xente que chega a Quiroga cun proxecto de vida que contribúe a dinamizar o censo poboacional e a economía do concello teña tamén a oportunidade de integrarse lingüisticamente.

Back to top button