
A Xunta de Galicia, dentro da programación da Academia Galega de Seguridade Pública, imparte accións formativas en Quiroga dirixidas a persoal que conte co curso básico de protección civil. A primeira delas ten sido un curso semipresencial sobre accidentes na estrada que comezaba online o pasado 20 de abril e que esta fin de semana continuaba de maneira presencial en Quiroga.
Unha vintena de voluntarios de Protección Civil, entre os que se atopaba o concelleiro de Xuventude, Luis Manuel Arias, participaban neste curso que tiña por finalidade preparar aos voluntarios para a intervención en accidentes de tráfico. A seguinte acción formativa será un curso sobre desfibrilación externa semiautomática que se levará a cabo o sábado 30 de maio.
“O obxectivo é adquirir a formación necesaria para a utilización e manexo dos desfibriladores externos, co fin de conseguir aumentar as taxas de supervivencia nos pacientes con morte súbita, conseguindo un acceso precoz a un sistema de emerxencias médica. Tamén acurtar os tempos para realizar reanimación cardiopulmonar e a desfibrilación precoz, segundo lembran dende o Concello de Quiroga.
A Agasp (Academia Galega de Seguridade Pública) é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia e tamén dos servizos de emerxencias. Ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario para garantir a seguridade da cidadanía galega.
Fotos: RTM Quiroga.
