
Os días 24 e 25 de abril, a Aula da Uned na Rúa impartirá un curso sobre “Equilibrio no coidado: Como manter a ssaúde mentres coidamos”, dirixido a calquera persoa interesada na materia, traballadores de centros de día, de centros residenciais, hospitais e sobre todo, coidadores de persoas maiores ou dependentes á que poderase asistir en modalidade presencial ou asistencia en liña, en directo ou diferido.
Tal como explican dende a Uned “cada vez máis debe prestarse atención ao rol do coidador, sen deixar de lado ao enfermo, a persoa que está de apoio debe recibir tamén os seus propios coidados e aprender a xestionar o seu tempo”. O papel do coidador é amplo, complexo e profundamente humano, xa que abarca tanto aspectos prácticos como emocionais. Non se limita unicamente a atender necesidades básicas, senón que implica acompañar, comprender e soster á persoa nunha etapa da vida onde poden aparecer fraxilidade, dependencia ou cambios significativos.
A súa función inclúe actividades da vida diaria, seguimento da saúde, acompañamento emocional e un rol social de coidador, que implica promover actividades recreativas para a persoa coidada. “A teor de todo isto, o coidado implica unha carga física e emocional considerable. Por iso, é fundamental que o coidador tamén coide de si mesmo, buscando apoio cando o necesite e evitando o desgaste ou o illamento. O equilibrio entre o coidado do outro e o autocuidado é esencial para poder desempeñar este labor de xeito sostible”, indican dende a organización, explicando que durante estas dúas xornadas tratarase o autocuidado e benestar emocional, para axudar a previr o desgaste e tensión crónico e doutra banda o papel do terapeuta ocupacional, como ferramenta de apoio á hora de priorizar actividades, crear rutinas e organizar o tempo orientado a actividades que xeren benestar emocional.
O curso será impartido polos terapeutas ocupacionais Anxo García Terrón e Sara González Iglesias, profesionais con ampla experiencia no sector. “O traballo do terapeuta non só se centra no usuario, en rehabilitar funcións, mellorar a calidade de vida das persoas maiores, fomentar a súa independencia, participación e benestar emocional, senón tamén en manter e promover a saúde do coidador principal”, din dende a Uned.
En definitiva “orientación, educación e estratexias prácticas para mellorar o día a día do coidado dos seus maiores. Unha ponte entre a persoa maior e a súa contorna familiar, proporcionando ferramentas, coñecemento e apoio para mellorar tanto a calidade de vida do usuario como o benestar de quen o acompaña”, conclúen.
Máis información e matrícula en: https://extension.uned.es/actividad/idactividad/50613