EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Monterrei e Expourense ratifican a súa colaboración para o 2018

Esta cooperación lévase a cabo a través da sinatura dun convenio e traducirase en accións de promoción que o parque de exposicións vai realizar ao longo do ano
Alejandro Rubín e Lara da Silva asinando o convenio. // Foto: Carlos Asensio.

A C.R.D.O Monterrei e Expourense ratificaron hoxe, 15 de xaneiro, a súa colaboración fixa anual. Esta colaboración entre ambas institucións foi posible grazas a sinatura dun convenio entre a presidenta do Consello Regulador, Lara da Silva, e o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín.

“Esta sinatura serve para facer forza sobre as potencialidades de Galicia e de xeito específico na zona de Monterrei”, dixo Alejandro Rubín tras a sinatura do convenio. Neste eido, o director xerente de Expourense remarcou que esta colaboración “xa a iniciamos dende hai moito tempo”, concretamente dende o ano 2015.

No que se refire á colaboración, isto implica que Monterrei participará nas distintas accións promocionais que Expourense vai realizar ao longo do ano, sobre todo en Portugal, en virtude de distintos convenios de cooperación transfronteiriza que a Fundación mantén en distintas entidades da Eurorrexión.

O convenio implica a presenza de Monterrei en todas as accións promocionais de Expourense. // Foto: Carlos Asensio.

Segundo anunciou Alejandro Rubín, a colaboración de Expourense con Monterrei en 2018 dará comezo durante a celebración do Salón Internacional de Turismo Gastronómico “Xantar”, que se vai celebrar do 31 de xaneiro ao 4 de febreiro. En concreto, Monterrei estará presente no Túnel do Viño, nun área que lles presentará aos visitantes a calidade e as variedades de viño autóctonas de Galicia. Pero tamén estarán presentes no salón do viño Vinis Terrae.

O consello convida ás adegas adscritas a participar neste espazo, un dos máis visitados polos profesionais que acoden ao salón para coñecer novas referencias. Os seus viños estarán presentes ademais maridando os pratos elaborados con produtos de calidade de Galicia nos showcookings de Xantar.

Pola súa parte, a presidenta da D.O. Monterrei, Lara da Silva, agradeceu que Expourense tivese en conta á D.O. para este ano e en concreto, en Monterrei.

Artigos relacionados

Back to top button