Despois de permanecer un mes exposta no local de Protección Civil da Rúa, a colección de miniaturas de vehículos de bombeiros e outros servizos de emerxencias de Playmobil e Lego do coleccionista valdeorrés David López Nogueira (fundador e membro da AVPC A Rúa), chegaba aos telespectadores a través da pequena pantalla como convidado o martes 15 de xullo no programa da Television de Galicia ‘Quen anda aí?’
Tal como explicou o propio David, conta cunhas 370 pezas entre vehículos, figuras, cascos,… aínda que á televisión unicamente levou unha pequena parte desta singular colección coa que pretende concienciar aos máis pequenos da importancia dos servizos de emerxencia. “Non é o mesmo regalar a un neno un tanque que un camión de bombeiros”, di, destacando a importancia de concienciar á xente dende nenos.
Comezou coa colección hai anos co primeiro helicóptero mercado cara os anos 80 e xa non parou, destacando as figuras que ten del mesmo cos seus fillos, ambos vencellados ao mundo das emerxecias, un no Brif de Laza e outro en Valdeorras.
