
O presidente da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), David Martínez, vén de manter en Madrid unha reunión de traballo con Antonio Garamendi, presidente da Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE), co obxectivo de estreitar a relación entre ambas as organizacións e analizar posibles vías de colaboración institucional entre a CEOE e a Confederación Empresarial de Ourense.
Durante o encontro, ambas as entidades coincidiron na importancia de fortalecer a cooperación entre as organizacións empresariais a nivel nacional e territorial para continuar impulsando o desenvolvemento económico, a competitividade empresarial e o apoio ás empresas.
Na reunión tamén participou José Alberto González-Ruiz, secretario xeral da CEOE, con quen se abordou posibles liñas de traballo conxunto orientadas a reforzar a colaboración institucional, o intercambio de iniciativas empresariais e a coordinación de accións en beneficio das empresas e autónomos.
Así mesmo, no decurso da xuntanza púxose en valor o bo clima de colaboración e as relacións institucionais existentes entre ambas as organizacións, baseadas na confianza, o diálogo e o compromiso compartido co desenvolvemento empresarial.
Desde CEOE destacouse o traballo que vén desenvolvendo a CEO, poñendo en valor o seu papel “como unha organización sólida e ben xestionada, así como a súa contribución ao fortalecemento da actividade empresarial na provincia de Ourense”.
Dende a CEO aseguran que “este encontro reforza os lazos entre ambas as organizacións e abre a porta a futuras iniciativas de colaboración que permitan seguir impulsando o desenvolvemento económico de Ourense e de Galicia”.