Por segunda vez no que vai de ano, o grupo de En Marea vén de presentar unha pregunta relativa ao desmantelamento da vella liña de 220 kV Trives-Aparecida. Nesta ocasión a pregunta é para a súa resposta oral no pleno da Cámara galega.
No texto presentado á Mesa do Parlamento, os deputados Davide Rodríguez de Manzaneda e Francisco Casal lembran que o pasado 1 de febreiro xa lle plantexaban ao director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, esta cuestión na comisión sexta do Parlamento. “Preguntamos sobre o incumprimento do comprometido nos protocolos firmados por REE cos Concellos de Trives e Manzaneda e na declaración de impacto medioambiental do novo dobre circuíto 400/220 kV, nos que se marcaba o desmantelamento da antiga liña de 220 kV en canto estivera en servizo o novo circuíto”.
No mesmo escrito, os parlamentarios de En Marea aseguran que “o director xeral recoñeceu as nosas inquedanzas fundadas e alegou que o incumprimento era debido ao retraso no enlace da subestación de Ponte Bibei ao novo circuíto de 220 kV, pero que dito enlace estaba en tramitación na Delegación da Xunta en Ourense e que podía comprometerse a que nun período de entre 8 e 12 meses a antiga liña de 220 kV podería estar desmantelada. Pasaron xa 10 meses desde a data na que recibimos esta resposta e non temos informacións de que os traballos de desmantelamento comezaran”.
De aí que ante esa falta de información, os deputados de En Marea decidisen presentar unha nova pregunta no Parlamento sobre se se iniciaron ou non os traballos de desmantelamento da cidada liña.