SanidadeÚltima hora

De Nai a Nai celebrará a Festa da Familia o 27 de setembro na praia fluvial do Barco

Celebración de De Nai a Nai na praia fluvial nun ano anterior./ Foto: A.R.

 

A Asociación De Nai a Nai, asociación de apoio á lactación materna e crianza respectuosa, vén de anunciar que celebrará a Festa da Familia na praia fluvial do Barco o vindeiro sábado 27 de setembro. “Trátase dun encontro pensado para gozar dunha xornada de convivencia, lecer e diversión nunha contorna natural privilexiada”, din dende esta entidade que preside Lorena Prada.

O programa de actividades está deseñado para que “tanto nenos como adultos atopen o seu espazo de entretemento. Durante a tarde levarán a cabo xogos populares e un taller creativo de chaveiros, a cargo de Artesanía Enxebre, que convidará aos máis pequenos a desenvolver a súa imaxinación e levar un recordo feito por eles mesmos”, indican dende a asociación.

Outra das propostas será o Festival Infantil de Chistes, no que se anima aos nenos e nenas a compartir os seus chistes co público. A risa será a gran protagonista desta actividade, que busca fomentar a espontaneidade e a participación dos máis novos.

A música tamén terá un papel central na celebración. Tras as actividades infantís, chegará a quenda dos maiores cunha jam session a cargo da Asociación de Música Alternativa de Valdeorras AMAVA, que porá ritmo e ambiente festivo á velada.

Ademais, a asociación de asperxer e autismo de Valdeorras ASTEAVAL, estará presente no evento, contribuíndo a visibilizar o seu labor e compartindo un espazo de encontro inclusivo e de sensibilización dentro da comunidade.

 

 

Para acompañar a xornada, haberá merenda e bebidas, creando un espazo onde as familias poidan relaxarse e compartir un momento de encontro comunitario.

Con esta iniciativa, a Asociación De Nai a Nai reafirma “o seu compromiso coas familias, promovendo valores de participación, convivencia e goce compartido entre xeracións”.

A entrada é libre e gratuíta para todas as familias que desexen sumarse a esta celebración.

Back to top button