SanidadeÚltima hora

De Nai a Nai di que hai “graves deficiencias na atención sanitaria a mulleres, crianzas e familias” no Distrito Sanitario de Valdeorras

Exterior do Hospital Público de Valdeorras, no Barco./ Foto: A.R.

 

Dende a Asociación De Nai a Nai, grupo de apoio á lactación materna e á crianza respectuosa de Valdeorras, vén de emitirse un comunicado de prensa para valorar “a situación sanitaria actual na nosa comarca, que require a maior visibilidade posible, dado o grave impacto que está a ter sobre mulleres, crinazas e familias”.

De Nai a Nai asegura que, “como entidade que leva anos traballando en defensa dunha atención perinatal e pediátrica de calidade, entendemos fundamental que a sociedade coñeza o deterioro progresivo dos servizos esenciais no Distrito Sanitario de Valdeorras, así como as consecuencias directas que isto supón para os dereitos e a saúde da poboación”.

Esta asociación denuncia “o progresivo desmantelamento do centro hospitalario, coma da atención primaria. Unha situación que está a xerar graves deficiencias na atención sanitaria e a poñer en risco dereitos fundamentais en materia de saúde. Entre as carencias máis urxentes atópase a ausencia dun pediatra no Centro de Saúde de O Barco desde hai máis dun ano. Noutras localidades do distrito, a atención pediátrica limítase a uns poucos días á semana e durante poucas horas, resultando insuficiente para cubrir as necesidades da poboación infantil”.

Así mesmo, afirma De Nai a Nai, “cando se producen traslados de mulleres embarazadas en traballo de parto a Ourense, o Hospital de O Barco queda sen cobertura de matrona entre tres e catro horas é dicir, queda sen profesionais presentes no centro para atender o parto. Ademáis as mulleres trasladadas fano a un hospital que acumula queixas desde fai meses, xa que a nova infraestrutura do paritorio non permite unha atención humanizada ao parto”.

A esta situación, prosegue esta entidade, “súmase a desaparición da Comisión de Lactación, que foi eliminada unilateralmente pola xerencia de Ourense, sen dar resposta ás posteriores peticións de reunión para abordar o tema e buscar alternativas que permitisen continuar co seu labor. A eliminación deste órgano supón a perda dun referente esencial para garantir unha atención adecuada na lactación materna e reflicte a falta de compromiso institucional coa protección da saúde do bebé e co dereito humano á alimentación segura e natural. A Área Sanitaria de Ourense, Verín, O Barco de Valdeorras, é a única Área Sanitaria de toda Galiza que non ten Comisión de Lactación”.

Neste senso, dende De Nai a Nai “faise un chamamento urxente ás autoridades sanitarias e á cidadanía para esixir a restitución dos servizos esenciais e o respecto aos dereitos de pacientes e profesionais. O Hospital de O Barco debe seguir sendo un piar de atención pública, próxima e de calidade para toda a comarca de Valdeorras”.

 

Back to top button